A Xunta compromete o mellor trato cos emprendedores

Feijóo, reunido con empresarios do polígono do Tambre e co alcalde, Conde Roa

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reiterou esta maña, o firme compromiso do Goberno galego cos emprendedores, “con todos aqueles –dixo- que queren apostar por crear emprego e crear riqueza”. “Somos conscientes da crise pero, tamén, somos conscientes de que, neste momento, os gobernos teñen que axudar aos promotores, aos emprendedores. Non os vamos a deixar solos”.

Neste sentido, e durante unha visita á Asociación do Polígono Industrial do Tambre, o responsable do Executivo autonómico subliñou que esta é con diferenza a lexislatura na que máis axudas se están dando aos emprendedores desde Galicia. “O número de avais e o número de subvencións a tipos de interese concedidos pola Xunta, nesta lexislatura, supera todo os 30 anos de autonomía en canto ao número de avais e subsidiación a tipo de interese por parte do Goberno autonómico. No que levamos de lexislatura, estamos apoiando máis en avais e subsidiación a tipo de interese ás empresas galegas que en 30 anos de autonomía”.

Así mesmo, e a pesar da crise económica, Feijóo aseverou que a Xunta seguirá co Plan empresarial galego, “cun plan –explicou- que supón 40 millóns de metros cadrados que estamos ordenando e priorizando para que, en canto empece a despuntar a economía, teñamos solo axeitado e suficiente para a maior implantación de proxectos empresariais”.

No tocante á Santiago, Feijóo avanzou que o Polígono empresarial da Sionlla “estará listo, definitivamente, neste primeiro semestre do ano”. “O novo polígono que se vai unir ao Polígono do Tambre converterá esta zona no eixo e no centro dunha área empresarial de máis de 4 millóns de metros cadrados. Compostela terá unha área empresarial urbana e ben conectada; un nodo loxístico desde o punto de vista de aeroporto, estación ferroviaria e de rede de infraestruturas de máis de 4 millóns de metros cadrados”.

Aínda que son evidentes os datos negativos da evolución económica de España, o presidente da Xunta subliñou que “no ano 2011, hai algúns datos que nos fan pensar que cabe algún raio de esperanza en canto á evolución da economía galega”.

Neste senso, destacou, en primeiro lugar, que o saldo comercial de Galicia é, nos dez primeiros meses, claramente positivo, fronte ao saldo comercial de España, que é negativo: “2.800 millóns de euros positivo a exportación, as ventas sobre as compras en Galicia, fronte a máis de 38.000 millóns de euros negativo, porque as importacións superaron as exportacións no conxunto de España”.

Feijóo salientou, tamén, que, en 2011, se crearon en Galicia novas empresas por riba da media do Estado. “E o número de empresas que ampliaron capital en Galicia se incrementou en máis dun 500% sobre o número de empresas que incrementaron capital social no ano 2010; 3.700 millóns de euros de incremento de capital social das empresas galegas no ano 2011 é un dato claramente positivo sobre o escaso incremento de capital social das empresas no ano 2010, en Galicia”.

Nun panorama claramente “difícil e comprometido”, Feijóo afirmou que estes datos positivos instan ao Goberno galego a seguir traballando “con maior énfase”. “Vamos a seguir traballando. Fai unhas semanas coñecíamos a porcentaxe de investimento executado nos presupostos da comunidade e, dentro diso, a porcentaxe de investimento executado no que se refire a investimentos reais. Galicia segue por riba da media en investimento total e en investimento executado. E, no ano 2012, esperamos manter a capacidade de investimento que tivemos no ano 2011”, concluíu

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar