O PP ve un «compromiso realista» sobre o AVE, e o PSOE a «paralización definitiva»

A chegada do AVE a Galicia volveu ser este luns motivo de confrontación entre os grupos con representación no Pazo do Hórreo, toda vez que o PP pide literalmente «un compromiso realista» para unha obra que debe ser «prioritaria». Entre tanto, a oposición afea o partido maioritario que non reclame esta infraestrutura ao Goberno encabezado por Mariano Rajoy coa mesma firmeza que ao anterior Executivo.
En rolda de prensa, o voceiro dos populares na Cámara galega, Pedro Puy, explicou que o seu partido está a «esperar prudentemente» ao estudio sobre a situación e o estado das obras e os pagamentos anunciado pola ministra de Fomento, Ana Pastor. Unha vez coñecidos estes datos, a Xunta pedirá ao Goberno central «un compromiso realista» despois de «tantos incumprimentos».
«Queremos que se impulse a conclusión da obra e que toda a información que se dea sexa realista», incidiu Puy Fraga, facendo fincapé en que «se respecten os compromisos» sen querer precisar se o Goberno galego aceptaría un atraso máis alá de 2018.
Esa é a data, segundo recordou, que prevía o Executivo autonómico para a chegada da alta velocidade ferroviaria, dados os «investimentos non executados» por parte do departamento dirixido por José Blanco. «Coa información da Xunta, 2015 non era viable», sostivo, para admitir liña seguida que «a información relevante a ten o ministerio».
«Nós queremos que sexa unha obra prioritaria e que non se produzan máis demoras inxustificadas», recalcou o deputado do PPdeG, quen, preguntado ao respecto, negou que as críticas a Fomento fosen polas datas. «Criticamos o incumprimento do Pacto do Obradoiro», afirmou, tras indicar que unicamente se cumpriu este acordo «o primeiro ano».

«PARALIZACIÓN DEFIITIVA»

Pola súa parte, nunha comparecencia ante os medios posterior, o voceiro do PSOE no Parlamento galego, Abel Losada, augurou que «o dúo» composto polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e a ministra de Fomento, Ana Pastor, anunciará «a paralización definitiva».
«Están poñendo a venda antes que a ferida», remarcou o socialista, tras considerar «inexplicable» o que definiu como unha «traizón a Galicia» do mandatario autonómico.
E é que, tal e como recordou, «antes se esixía ao milímetro» todo o relacionado con esta obra, mentres que «agora só se fala da Transcantábrica e do AVE a Vigo». «Só faltaría, despois da inversión realizada», apostilou en alusión a esta conexión, para sinalar tamén que a citada autovía está «case acabada».
Tras criticar este «auténtico insulto á intelixencia de Galicia», advertiu o PP de que «non pode repetir o engano» os galegos protagonizado por José María Álvarez Cascos como ministro de Fomento do Goberno Aznar. «Que rematen o proxecto empezado por Zapatero e Blanco», sentenciou.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar