45 millons de metros cadrados en 109 parques empresariais

 

A demanda real e rexistrada e a ordenación territorial son dous dos criterios nos que se basea a Xunta de Galicia para distribuír os 45 millóns de metros cadrados de solo empresarial que se contabilizan na actualidade en Galicia. Así o explicou o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, quen avanzou que dende hoxe a Administración galega somete a información pública durante un período de dous meses o Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais de Galicia, declarado de incidencia supramunicipal polo Consello da Xunta o pasado 7 de decembro, que avanza un novo paso para a súa aprobación definitiva despois do verán de 2012.

Recordou que este Plan Sectorial ten como obxectivo principal a planificación das actuacións de solo empresarial que se poderán executar en Galicia ata 2024, sempre tendo en conta a demanda real de solo que se produza en cada comarca galega e que será comprobada a través do Rexistro de Demandantes de Solo Empresarial, de próxima creación. A demanda real de solo servirá para priorizar as actuacións prevista no Plan e o momento de acometelas.

Desta maneira, o Plan Sectorial servirá para cuantificar e localizar a superficie necesaria de solo empresarial e definir os ámbitos do territorio susceptibles de acoller actuacións de carácter empresarial para cubrir as necesidades de solo empresarial a longo prazo. En definitiva, trátase dun documento de ordenación territorial e non exclusivamente, segundo explicou o conselleiro, dun estudo económico.

O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández

Hernández explicou que unha das novidades que se plantexan neste proxecto é a a análise da capacidade de acollida do territorio, un valor que marcará o crecemento industrial, xa que este pasa pola análise dos factores ambientais, físicos e socioeconómicos, a integración coas Directrices de Ordenación do Territorio e a adecuación ao modelo de demanda.

De acordo co modelo territorial establecido polas Directrices de Ordenación do Territorio, o plan trata de compatibilizar o desenvolvemento de solo empresarial en Galicia coa defensa do medio ambiente, a paisaxe e o patrimonio cultural, mediante a avaliación da viabilidade de cada unha das actuacións previstas e a análise da capacidade de acollida de todo o territorio galego.

O Plan Sectorial busca cubrir os déficits de solo empresarial, tratando de reducir os desequilibrios intercomarcais. A cobertura de déficits realízase pola seguinte orde:

1.- Na propia comarca: mediante as actuacións actualmente en tramitación ou estudo previstas pola Xunta ou outros promotores.

2.- Nas comarcas adxacentes: para os déficits non cubertos coas actuacións previstas.

3.- Só no caso de non haber actuacións previstas na mesma comarca ou adxacentes recorreríase á delimitación de novo solo empresarial.

Deste xeito, sinalou, facilitamos ás empresas que desexen medrar en Galicia o espazo axeitado para a súa instalación, ao tempo que racionalizamos o investimento público de tal xeito que se optimiza ao máximo cada euro público empregado.

Actuacións incluídas

Na actualidade existen en Galicia 213 parques empresariais en funcionamento. A superficie bruta total destes parques empresariais acada os 54,28 millóns de metros cadrados, dos que están actualmente dispoñibles para venda un total de 7,6 millóns de metros cadrados.

Parque empresarial de Mos

O Plan Sectorial ordenará unha superficie de solo empresarial de máis de 45 millóns de metros cadrados ata o ano 2024, distribuídos nun total de 109 parques empresariais, cun custe estimado para o conxunto de promotores que supera os 2.500 millóns de euros.

Das actuacións incluídas no Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais na comunidade autónoma de Galicia , 80 corresponden aos organismos dependentes da Xunta de Galicia, cunha superficie de 33,91 millóns de metros cadrados, mentres que as 29 actuacións restantes corresponden a outros promotores, cunha superficie total de 11,36 millóns de metros cadrados.

Metodoloxía

Para a elaboración do Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais na Comunidade Autónoma de Galicia tivéronse en conta tanto a realidade actual do solo empresarial en Galicia como a futura demanda do mesmo.

Pártese da análise do solo empresarial que na actualidade ofertan tanto os organismos dependentes ou relacionados coa Xunta de Galicia (IGVS, Xestur, SEA) como de outros organismos públicos e entidades privadas, considerando o solo xa dispoñible e o que se atopa actualmente en execución ou previsto. Tamén se procedeu a unha estimación da futura demanda de solo empresarial, co obxectivo de cuantificala e definir o emprazamento de dita demanda; e analizouse a evolución das vendas de solo empresarial dende o ano 2000, para realizar a proxección das necesidades de solo empresarial cara ao futuro.

A análise realizada para a definición do Plan Sectorial concluíu que Galicia precisará máis de 16 millóns de metros cadrados de novo solo empresarial, posto que nos próximos anos máis do 18 por cento das empresas galegas van necesitar novas superficies industriais, que destinarán maioritariamente á ampliación das actividades existentes, a cambios de localización e á diversificación das súas actividades. No caso dunha melloría da situación económica, a estimación elévase a entre 24 e 32 millóns de metros.

O conselleiro afirmou que o mellor reflexo da necesidade real son os datos a nivel comarcal, dos que se conclúe que o 51% das comarcas de Galicia (27) teñen satisfeita a súa demanda de solo empresarial nos vindeiros anos; mentres que o 49% restante presenta un déficit. Esa necesidade de solo fíxase en 20 millóns de metros cadrados de novo solo empresarial, e identifícase en comarcas como: a da Coruña, Santiago, Pontevedra, Vigo, Verín, Sarria e Deza.

En calquera caso, estas estimacións de demanda veranse reforzadas ou reaxustadas polos datos reais que ofrecerá o Rexistro de Demandantes de Solo Empresarial en cuxa creación traballa actualmente o Instituto Galego da Vivenda e Solo.

Situación actual

Respecto da situación actual do solo empresarial en Galicia, os datos do Plan Sectorial indican que o IGVS, Xestur e SEA puxeron en funcionamento ata a actualidade 19,2 millóns de metros cadrados, tendo na actualidade 2,6 millóns de metros cadrados á venda. Os restantes promotores puxeron en servizo, de maneira conxunta, 35 millóns de metros cadrados, dispoñendo de 1,7 millóns de metros cadrados actualmente para a venda. Hai que ter en conta que a Xunta de Galicia non comezou a promover solo empresarial ata a década dos noventa e SEA traballa dende 2003, polo que tódolos parques anteriores a esas datas foron promovidos por institucións ou empresas alleas á Xunta de Galicia.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar