Cidade da Cultura: agasallos de Reis en concerto

O ano 2012 comezou con música na Cidade da Cultura de Galicia co concerto solidario ‘Cancións por agasallos’, iniciativa coa que se puido gozar da mellor música indie-pop do momento e que, ademais, posibilitará que máis de duascentas familias galegas en dificultades económicas dispoñan dun regalo o día de Reis.

Mehnai, La Familia, Jane Joyd, Abraham Boba e Alondra Bentley foron os encargados de encher de música a Cidade da Cultura, interpretando parte do seu repertorio adaptado a un formato acústico e a un público familiar. O numeroso público que se achegou ata a Biblioteca de Galicia é o encargado de devolverlle a ilusión a moitos nenos tras encher as cestas de regalos, que a ONG Iniciativa Social Berce repartirá nos próximos días entre os que máis o necesitan.

Pensado para que nenos e maiores gozasen xuntos da música, os asistentes a ‘Cancións por Regalos’ puideron gozar coas canción das mellores bandas ‘indies’ do momento a cambio duna entrada simbólica: un regalo. Mehnai foi a encargada de quecer o ambiente coa súa mestura de melodía cun folk no que se notan influencias de Sufjan Stevens ou Joni Mitchell e que interactuou co público máis miúdo. A viaxe ao son do pop dos 60 chegou co grupo galego La Familia, aos que seguiu Jane Joyd, o proxecto musical da coruñesa Elba Fernández, situado na onda do novo folk americano. Abraham Boba, man dereita de Nacho Vegas, e a xa consolidada Alondra Benthley foron os encargados de pechar esta iniciativa.

‘Cancións por regalos’ enmárcase dentro da programación que a Cidade da Cultura deseñou especialmente para pasar este Nadal en familia e que concluirá mañá coas dúas últimas Visitas Máxicas ao Museo, que terán lugar ás 12,00 e ás 18,00 horas. O programa especial contou tamén con obradoiros de ‘Xoguetes Sonoros’, no que os nenos aprenderon a confeccionar e tocar instrumentos musicais tradicionais.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar