Calcular o aforro enerxético on line

A Consellería de Economía e Industria, na súa aposta pola promoción do aforro e da eficiencia enerxética, ofrece a través do Instituto Enerxético de Galicia tres simuladores online cos que se pode comprobar de forma práctica as posibilidades de aforro enerxético e económico nos fogares galegos adoptando medidas de eficiencia enerxética.

Estas ferramentas fan especial fincapé nos principais equipos consumidores de electricidade –electrodomésticos, Iluminación e consumo oculto-, facilitando o coñecemento do consumo e o custo anual de cada equipo; as posibilidades de substitución a equipos máis eficientes; o aforro enerxético e económico anual e a amortización do investimento.

Así, os simuladores poñen de manifesto a importancia de adoptar medidas de aforro e eficiencia enerxética nas vivendas. Neste sentido, se un fogar galego cambiase de lavadora, lavalouzas, frigorífico e forno de clase D a outros equivalentes de clase A, e de vitrocerámica convencional a outra de indución, obtería unha diminución do consumo enerxético de 1.012 Kwh ao ano, que se traducirían nun aforro económico de 175 euros.

Se a isto se lle suma un cambio na iluminación –trocando as luces incandescentes e os halóxenos por outros de baixo consumo-, e se evitase o consumo oculto ou en espera dunha cadea de música, dun televisor, dun DVD, dun TDT, dun computador e un cargador, obteríase un aforro enerxético anual de 1.903 kWh. Aforraríanse 326 euros (27 €/mes), evitándose a emisión a atmosfera de 866,9 kg de CO2.

A través destes simuladores, a Consellería de Economía e Industria ofrece unha interesante proposta de alternativas aos cidadáns a favor da eficiencia enerxética  e o aforro nos seus fogares.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar