Ábrese o prazo para o acceso a Internet das familias con menos recursos

Desde hoxe as familias galegas cunha renda per cápita igual ou inferior a 9.000 euros poderán acceder ao programa de axudas para contratar  Internet nos seus fogares. Os posibles beneficiarios deberán contratar o servizo de Internet con R ou Telefónica, que son as empresas que na actualidade completaron os trámites para acadar a condición de entidades colaboradoras desta iniciativa.

 

Os interesados poden solicitar información nos teléfonos gratuítos 1004 de Telefónica e 1445 de R ou acudir as oficinas de venda destes operadores, que se encargarán de xestionar a subvención. Segundo establece a convocatoria, no ano 2012 o prazo de presentación de solicitudes quedará aberto desde o 2 de xaneiro ata o 30 de setembro, ou ata que se esgote o crédito orzamentario.

 

A Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica destina este ano un orzamento superior aos 570.000 euros a esta iniciativa que permitirá subvencionar a contratación deste servizo a máis de 3.000 familias.

 

Beneficiarios das axudas

Os beneficiarios destas axudas serán as familias residentes en Galicia, que teñan unha renda per cápita igual ou inferior a 9.000 € e que soliciten unha nova alta de acceso ás entidades colaboradoras da iniciativa, actualmente R e Telefónica. Para iso, a Xunta puxo a súa disposición unha plataforma telemática para garantir unha xestión totalmente electrónica das subvencións.

 

Para poder acceder á subvención, será condición obrigatoria que no domicilio non houbese contratada ningunha conexión a Internet no momento de efectuar a solicitude nin polo menos nos tres meses anteriores.

 

Importe e tramitación das axudas

O programa establece a concesión dunha única subvención por unidade familiar do 40% do custe da tarifa mensual de conexión a Internet a partir do segundo mes de servizo e ata completar un ano, cunha contía máxima de 180€ e condicionado á permanencia no servizo durante ese período. A alta de liña e o importe da primeira cota mensual será asumido pola entidade colaboradora.

 

Superar a barreira económica

Segundo datos do INE o custo da conexión é a terceira causa aducida en Galicia para non contratar o servizo de Internet no fogar. Este programa de axudas busca reducir as barreiras económicas de entrada ao uso da banda larga mediante apoios económicos de cara á contratación deste servizo para seguir axudando aos colectivos máis desfavorecidos e así garantir a igualdade de oportunidades no acceso á información..

 

Xunto coa eliminación da barreira económica a  Xunta está a traballar na superación doutras dúas  barreiras: a das infraestruturas de Telecomunicación co Plan de Banda Larga co que xa se reduciu nun terzo a poboación sen acceso a Internet na Comunidade; e a da  formación, coa posta a disposición da cidadanía de instrumentos para o acceso as novas tecnoloxías como a Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica.

 

Estas medidas intégranse nas actuacións da Axenda Dixital de Galicia 2014.gal, a folla de ruta do Goberno galego en materia tecnolóxica para integrar as TIC na sociedade galega e eliminar a fenda dixital na Comunidade.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar