A mensaxe de Feijóo «pomposa», para o BNG, «fatalista» para os socialistas e «rigorosa» para o PP

O voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez, asegurou que a mensaxe pronunciada polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, con motivo do Fin de Ano, é «grandilocuente e un tanto pomposa» e considerou que «deixa ver» que é un presidente «sen proxecto nin alternativa para Galicia».
En particular, Guillerme Vázquez sinalou que o discurso «non deixou ningún espazo» para a esperanza», xa que «volveu constatar que este Goberno non ten proxecto nin alternativa para superar a gravísima crise» pola que pasa Galicia. «Ante esta evidencia, dende o BNG chamamos ao pobo a que, ante a ausencia de dirección política do Goberno, tome as rendas do seu futuro», apuntou.
Ao voceiro nacional do BNG pareceulle «inconcibible» que Núñez Feijóo eloxiase no seu discurso a xestión do seu Goberno dende 2009 como un modelo de política contra a crise dado que «do único do que é Feijóo modelo é dunha política de recortes antisociais que só trouxeron máis paro e máis crise».
Finalmente, Guillerme Vázquez criticou que a mensaxe non incluíse «nin unha soa palabra» de referencia á «situación pola que atravesan» os sectores produtivos galegos, como o lácteo, o naval ou o pesqueiro, «nin unha alternativa de futuro para estes sectores».

PSdeG: «FATALISTA»

O secretario xeral do PSdeG, Manuel ‘Pachi’ Vázquez criticou a «visión fatalista e resignada» do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, posto que cre que «non abonda con lamentarse», senón que «o que ten que facer é traballar» para centrase en «crear emprego».
Vázquez censurou que o líder do Goberno galego «fala da importancia de dicir a verdade, pero só con iso non chega», dado que «hai que transformar esa verdade».
«Non abonda con dicir que isto está moi mal, senón que hai que traballar para poñelo moi ben», apunta a cabeza visible dos socialistas galegos, ao tempo que avoga por «non se render».
Así mesmo, mostrou a disposición do PSdeG para chegar a acordos co Executivo autonómico, e pide «esforzo e traballo conxunto» para saír da crise, de forma que empraza a Alberto Núñez Feijóo a «canalizar ese esforzo en crear emprego».
«O noso mellor desexo para o próximo ano é que os socialistas galegos poidamos serlle útiles a Galicia, apoiando o Goberno cando faga falta e controlándoo cando sexa necesario, sempre buscando o mellor para os galegos, con lealdade e ilusión, para que o noso país empece a recuperar a senda de crecemento que tanto necesitamos», sinala Vázquez nun comunicado de felicitación do ano novo aos galegos.

PP: «RIGOR»

Pola ua parte, o voceiro do PPdeG, Antonio Rodríguez Miranda, celebrou que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, «continúe optando pola realidade e o rigor» no seu discurso de fin de ano, en vez de «apostar por palabras suaves» que «non reflictan a situación do país».
Rodríguez Miranda apunta que «as medias verdades non están no que camiño» para saír da crise, polo que cre que Núñez Feijóo «acertou no diagnóstico realista da situación».
Así mesmo, Miranda sinala que aos populares lles parece «digno de mención» que líder do Goberno galego «non aproveitase unha intervención televisada» para todos os galegos nin para vangloriarse, nin para debuxar un escenario de fantasía».
Ademais, o PPdeG cre que «a mellor arma que ten Galicia para saír da crise son a perseveranza e o carácter de todos e cada un dos galegos», posto que conta con «dous elementos que fan falta para saír da crise: un pobo esforzado e un goberno coherente».
Tras destacar a «sensatez e sinceridade» das palabras Núñez Feijóo, Rodríguez Miranda prevé que 2012 «debe ser o ano en que se poida empezar a mirar a crise por enriba do ombro».

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar