Rueda considera 2011 como “o mellor ano da historia do PP”

 O secretario xeral dos PPdeG, Alfonso Rueda Valenzuela, afirmou que “2011 foi o mellor ano da historia do Partido Popular de Galicia”, aínda que afirmou que este é tempo de “actualizar a nosa mensaxe para manter a sintonía entre o partido e os cidadáns”.
Nunha rolda de prensa celebrada con motivo do comité de dirección dos populares, Rueda indicou que durante o ano 2011 “fomos quen de darlle a volta ao mapa do poder en Galicia nas eleccións municipais do pasado maio e temos sido determinantes para o cambio en España o pasado 20N”.
Así, afirmou que mentres 2011 arrancou co PSOE no Goberno central, en sete das oito grandes alcaldías galegas, no poder da metade das deputacións, dirixindo a FEMP e a FEGAMP e co PP gobernando na metade dos concellos de Galicia 2012 arrancará cun panorama moi diferente.

En palabras do secretario xeral, “nestes 12 meses temos mellorado a nosa posición ata cotas non coñecidas grazas a un traballo constante levado a cabo polo 100% desta organización”. De feito, reiterou a súa felicitación aos catro presidentes provinciais do partido, quen “ao igual que nós se enfrontaban a este examen que teñen superado con creces”.
Para o secretario xeral é un “éxito” que durante 2011 os populares conseguiran todos os obxectivos propostos, tanto nas municipais como nas xerais, “por iso non nos imos durmir e imos seguir traballando para prolongar a sintonía coa cidadanía”.

CONGRESO NACIONAL

 

Así, Rueda apuntou que os congresos “son unha boa ferramenta para actualizar equipos e ideas e dese xeito seguir sendo merecedores da confianza dos cidadáns” e aproveitou a súa intervención ante os medios de comunicación para transmitir que o comité de dirección do PPdeG abordou hoxe os prazos marcados en torno á organización do congreso nacional.
Antes do vindeiro 22 de xaneiro o partido terá que elexir aos compromisarios que conformarán a delegación galega que axudará a elexir aos que serán os responsables de dirixir o partido durante os próximos anos no Congreso Nacional do Partido Popular os días 17, 18 e 19 de febreiro do vindeiro ano en Sevilla.
Segundo referiu o secretario xeral, “Galicia será a delegación máis importante en termos cuantitativos e cualitativos”. En termos cuantitativos porque os compromisarios galegos serán 271 de 2.494 (un 10,9%, pese a que Galicia representa o 5,9% da poboación nacional), só por detrás de Andalucía e a Comunidade de Valencia –esto se debe tanto aos resultados electorais obtidos na comunidade galega polo PPdeG como ao número de afiliados-.
Galicia terá ademais un papel protagonista en termos cualitativos porque, segundo indicou Rueda, “será un galego, Mariano Rajoy, quen encabece a candidatura única”.
BLANCO NO SUPREMO


Así mesmo, Rueda falou da Operación Campeón en resposta a preguntas dos xornalistas. Neste asunto o secretario xeral foi claro: “Simplemente dicindo a décima parte do que dixo o señor Blanco cando compañeiros do PP se encontraban en situacións probablemente menos graves que a súa xa poderiamos dicir cousas de moito grosor”.
Ademais, o secretario dos populares engadiu que “como o señor Blanco ten o problema coa Xustiza e non co PP simplemente creo que facendo un recordatorio das cousas que dicía en circunstancias parecidas é suficiente.”
Por último, resaltou que “esta é a primeira vez en democracia que o Supremo investiga a un ministro por supostos de corrupción”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar