Modesto Seara, o xurista «da mirada universal»

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, resaltou  a “mirada universal” do xurista Modesto Seara, “a mesma mirada universal –dixo- que queremos botar ao mundo desde esta cidade da Cultura de Galicia”.

“Miramos universalmente sen deixar de ter os pés na terra. Entendemos Galicia como unha parcela do mundo e un cachiño dese Universo, cuxa ordenación xurídica Modesto Seara tan ben entende”, aseverou o titular da Xunta, durante o acto de presentación do libro de Enrique Beotas e Sergio Casquet, Modesto Seara: La Mirada Universal.

O presidente da Xunta cualificou a Modesto Seara como un dos galegos máis influentes dos últimos tempos. “O profesor Seara –recordou- intúe en 1957 que un tempo descoñecido está a chegar. Lánzase ao espazo o Sputnik e comeza a exploración doutro Novo Mundo, que tamén ía necesitar dun Dereito capaz de regulalo, de evitar conflitos e de limitar a acción do home. En tanto que a maioría dos pensadores polarizan a súa atención nas fazañas científicas da carreira espacial, aquel home apaixonado pola poesía e a aeronáutica, imaxina relacións xurídicas, ideas sobre a propiedade, teorías ao redor da soberanía. Unha sorpresa irónica recibe aquelas especulacións que, non entanto, pronto serán consideradas unha base fundamental para o ordenamento xurídico do espazo exterior”.

Así mesmo, Feijóo salientou que o “xurista do espazo” é tamén un político que se enfronta a realidades terreais. “Resulta fascinante pensar que o mesmo profesor que é admirado internacionalmente por unha obra xurídica grandiosa, dedícase tamén á laboriosa reconstrución do Partido Socialista en Galicia, fai moito tempo. O mesmo creador de universidades en México, o mesmo experto ao que recorren os máis diversos organismos internacionais, implícase nunha vida pública que non sempre é gratificante”.

O responsable do Goberno galego afirmou que Seara non quixo pasar pola vida deixando soamente a pegada do estudoso. “Non comparte a idea de que un home de ciencia como el, ha de manter unha prudente distancia dos asuntos mundanos en xeral, e da política en particular”, concluíu.

 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar