A delimitación do Camiño Francés abarca once concellos

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a delimitación oficial do Camiño Francés, aprobada o pasado día 1 de decembro polo Consello da Xunta e que cumpre A obriga establecida pola Lei 3/1996 de protección dos Camiños de Santiago de delimitar a ruta principal do Camiño de Santiago. A delimitación establece o trazado definitivo do Camiño Francés, fixa os límites do territorio histórico que conforma este Ben de Interese Cultural e determina o seu ámbito de influencia, denominado no decreto como zona de amortiguamento ou de respecto.

A xestión do territorio articúlase así nunha gradiante de intensidades valoradas en detalle e  cun réxime de particular incidencia protectora nos primeiros 30 metros, unha protección como BIC do territorio histórico e un ámbito de respecto que, conforme aos últimos criterios das políticas da paisaxe e tratamento sustentable  dos espazos, permitirá unha permeabilización e consideración axeitada das obras, actividades e intervencións a realizar. Déixase atrás unha protección lineal, provisioria e indiferenciada e se desenvolve un entendemento do territorio con parámetros que conxugan protección, recuperación e dinamización.

A Consellería de Cultura e Turismo, a través da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural e da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, acometerá de modo inmediato a recuperación dos tramos agora definidos e que poidan estar en desuso. Procederase tamén á axeitada sinalización das trazas sinaladas do Camiño Francés coas correspondentes distincións daquelas que se correspondan cos trazados complementarios e cos tramos con vestixios históricos. O decreto publicado hoxe no DOG contempla ademais que a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural publique na páxina web da Consellería de Cultura e Turismo unhas instrucións que recollan os criterios e determinacións básicas de ordenación e deseño referentes ás intervencións que afecten aos ámbitos de protección do Camiño, contribuíndo a garantir unha axeitada protección do ben e a preservar a interrelación global da ruta de peregrinación co territorio de acollida.

Patrimonio da Humanidade e Itinerario Cultural Europeo
A Xunta de Galicia considera que a aprobación da delimitación definitiva do Camiño Francés permitirá incrementar a valoración da Ruta Xacobea como elemento vertebrador do territorio e do paraxe histórico e servirá para impulsar a súa relevancia histórica, avalada co recoñecemento en 1962 como Ben de Interese Cultural, Patrimonio da Humanidade en 1993 e Primeiro Itinerario Cultural Europeo no ano 1997. Procurou asemesmo a maior colaboración posible cos axentes implicados na protección do BIC. Neste sentido, o expediente de delimitación conta co informe favorable das Comisións de Patrimonio Histórico da Coruña e Lugo, do Consello da Cultura Galega, da Universidade de Santiago de Compostela e da Real Academia de Belas Artes. O expediente foi contrastado ademais con todos os concellos afectados, a Asociación Galega de Amigos do Camiño, o Ministerio de Cultura e o Comité Español do Consello Internacional de Monumentos e Sitios (ICOMOS España).

Descrición literal
A delimitación do Camiño Francés aprobada hoxe afecta a un total de 11 concellos das provincias da Coruña e Lugo. Abarca desde a entrada no municipio de Pedrafita do Cebreiro ata o termo municipal do Pino, con límite no lugar de Amenal. No caso do Concello de Santiago, optouse ademais por un tratamento singular e integral do seu territorio ao ser o punto de chegada de todas as Rutas Xacobeas. Deste xeito, a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural iniciou un estudo específico sobre a incidencia integral das diferentes rutas xacobeas no territorio do concello e o seu planeamento urbanístico, ao efecto de determinar a conveniencia de incoar un procedemento de delimitación conxunto. Os documentos completos coa descrición literal dos tramos por concellos poderá ser consultada no enderezo web da Consellería de Cultura e Turismo (culturaeturismo.xunta.es).

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar