Debate parlamentario sobre a internacionalización da cultura galega

O conselleiro de Cultura, Roberto Varela, defendeu «seguir afondando» no labor de internacionalización da cultura galega, mediante a promoción e o apoio á presenza de obras e artistas da comunidade no exterior. Fronte a iso, recibiu as críticas dos grupos da oposición –PSdeG e BNG–, que consideran que «falta» un «plan estratéxico» que coordine todas estas accións.
Nunha comparecencia a petición propia na primeira xornada do pleno do Parlamento, Varela enumerou diferentes feiras e encontros nos que a cultura de Galicia estivo presente dende 2009, así como programas de colaboración, formación e intercambio nos que se achan inmersos distintos axentes.

A voceiro do BNG no debate, Ana Pontón e a deputada do PSdeG Concepción Burgo comezaron as súas intervencións cuestionado que a do conselleiro sexa a única comparecencia deste pleno, ao considerar que, con iso, o Goberno «desatende cuestións centrais» como o desemprego. «Parece vostede a carta de axuste, vén aquí cando ao Goberno lle falta programación», ironizou a parlamentaria socialista.
Ambas as dúas deputadas cuestionaron, así mesmo, a «exhaustiva» lista de actividades referida polo titular de Cultura, ao botar de menos a explicación dun «plan», «estratexia» e «obxectivos» por parte da Administración autonómica.
Ademais, Pontón acusou á Xunta de «afogar» ás industrias culturais nun momento de dificultades económicas e reprobou o seu comportamento cara ao galego, despois de que o responsable de Educación «recollese a luva» do Valedor do Pobo no seu ánimo, dixo, de «renegar e atacar» ao idioma galego.
«CARIÑO» POLO GALEGO
Varela non respondeu a este extremo, pero si que pediu á voceiro nacionalista que non poña en dúbida o seu «cariño» pola lingua, posto que esta, previamente, leu unhas declaracións do conselleiro en castelán.
Si replicou, non obstante, ás críticas pola evolución das industrias culturais, e, en defensa da cultura como un concepto «dual» que tamén implica «economía e emprego», Roberto Varela exhibiu datos que, ao seu xuízo, mostran «indicios de recuperación» neste ámbito.
Así, referiuse ás cifras do ICEX –de 2010–, que exhiben un «lixeiro aumento» das exportacións da comunidade respecto a 2009 –ao pasar de 5,6 a 6,1 millóns– e reivindicou o aumento nun 31% das relativas ao libro galego. O audiovisual, agregou, mantívose «nos mesmos niveis», mentres que a música si creceu, nun 17%.
En canto ao número de empresas, Varela ofreceu os números do INE deste ano para destacar que nos primeiros meses existían 7.119 empresas no sector das industrias culturais de Galicia, «un 2,5% máis que en 2010 e un 4,7% máis que en 2008».
«É un misterio facer desaparecer a cultura galega e que ao mesmo tempo, malia a crise, segue manifestándose a evolución positiva», reprochou á deputada do Bloque.
O peso relativo das industrias culturais para o conxunto das empresas pasou, tamén, do 3,49% en 2009 ao 3,62% en 2011, sendo os labores de comercio polo miúdo o sector «que máis» crece, seguido polo das empresas de espectáculos e a publicidade. Por último, o responsable de Cultura sinalou «aumentos» en bibliotecas, arquivos e outras actividades culturais.
Non obstante, na quenda de ciere, Ana Pontón esgrimiu os datos de emprego no sector da cultura en Galicia –cifras Observatorio da Cultura–, que baixaron ata os 32.300 en 2010.
UN RETO «A LONGO PRAZO»
«Non é un traballo que vaia ter froitos pronto», advertiu, para, a liña seguida, mostrarse «convencido» da capacidade das industrias culturais galegas fronte ao reto da internacionalización, que se debe entender «a longo prazo».
Ademais, preguntou ás voceiros da oposición «qué estratexia» tiña o bipartito, pois, segundo dixo, durante a súa época en Nova York non puido observala. «E se enumeramos as actividades é simplemente porque se fixeron», apostilou.
Pola súa banda, o parlamentario do PPdeG Agustín Baamonde reprochou a PSdeG e BNG non querer «atender nin entender» as palabras do conselleiro e coincidiu con Varela en reivindicar unha cultura «aberta».
Para Baamonde, os nacionalistas teñen «a manía de falar sempre do dogma» polo que o seu modelo é o dunha cultura «pechada» e o seu discurso «recorda o dun púlpito».

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar