Os gardacostas comisan 1.200 kilos de marisco e incautan 600 úteis de pesca

Axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia, dependente da Consellería do Mar, comisaron 1.267 quilos de diversas especies e incautaron 622 úteis  de pesca. Estes resultados son froito de distintos operativos rutineiros e outros realizados nos últimos días en colaboración con distintos axentes dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado dende o pasado luns ata o domingo.

Marcisco recollido tras ser aprehenido por capturas ilegais

 

En Ferrol desenvolvéronse na pasada semana dúas inspeccións, unha delas en colaboración coa Policía Autonómica. Nelas os inspectores requisaron 41 quilos de ameixa, que foi resementada nos bancos marisqueiros, e 16 útiles.

Na Coruña os axentes comisaron un total de 655 quilos de peixe e marisco e 448 aparellos, na súa maioría nasas de nécora en tres inspeccións, no contorno do peirao de Oza, na Ría do Burgo – este en colaboración coa Policía Autonómica- e na zona da Pasaxe. Cabe destacar a actuación levada a cabo na área do peirao de Oza, onde que se requisaron 85 pezas de miños, cuns 4.250 metros de lonxitude total, e 560 quilos de centola. Todo o material estaba sen identificar e dentro da zona portuaria, unha área prohibida. Os inspectores devolveron toda a centola ao mar.

Por outra parte, na Costa da Morte, os Gardacostas realizaron 4 operativos que deron como resultado a aprehensión de 35 quilos de peixe e marisco e de 104 artes, na súa maioría cacharros e nasas de polbo.

A Ría de Arousa foi escenario de diversas actuacións – unha delas en colaboración con axentes da Garda Civil- que se saldaron cun total de 531 quilos de varias especies comisadas entre as que destacan faneca, ameixa e nécora e 13 nasas para camarón e nécora sen identificar. Entre estas operacións destaca, na zona do Grove, o comiso de 227 quilos de ameixa babosa, que foi resementada na zona.

Por outra banda, na ría de Vigo os axentes fixéronse con 41 útiles empregados de forma ilegal, dos que 37 eran nasas de nécora, así como comisaron 5 quilos de centola.

 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar