Un 20% de aforro coas melloras tecnolóxicas

 

O estudo realizado por ‘Economics for Energy’ –entidade da que forma parte o profesor da Universidade de Vigo Xavier Labandeira, que é un dos seus directores– revela que apostar polas melloras tecnolóxicas conseguiría un aforro enerxético extra do 20 por cento en 2030.

Este estudo, titulado ‘Potencial económico de redución da demanda de enerxía en España’, realiza unha estimación dos potenciais e do que custa conseguir unha rebaixa na demanda da enerxía a nivel estatal. Os seus resultados manifestan que, sen aplicar medidas adicionais, en 2030 o consumo de enerxía se estabilizaría preto dos niveis de 2010, o que supoñería unha redución dun 26 por cento da demanda prevista.

Non obstante, defende que se se fai unha aposta máis agresiva por tecnoloxías eficientes e por políticas de implantación conseguiría unha diminución adicional do 20 por cento sobre o esperado para dentro de dúas décadas, algo que se situaría por enriba dos ambiciosos obxectivos da UE.

No informe, os expertos recomendan enfocar as políticas de concienciación cara a unha maior penetración das enerxías renovables no sector eléctrico, unha redución do consumo nos vehículos potenciando os híbridos e mellorando os convencionais, favorecer un cambio cara ao ferrocarril e mellorar a climatización dos edificios con caldeiras eficientes e bombas de calor. No plano tecnolóxico, consideran esencial realizar un esforzo adicional en I+D para abaratar custos.

Por outra parte, o informe tamén alude á existencia de medidas con custos negativos que impoñen barreiras non económicas ao desenvolvemento do potencial e que deberían afrontarse coas medidas axeitadas. A ese respecto, os expertos de ‘Economics for Energy’ consideran que as subvencións xeralistas ao investimento só melloran a rendibilidade económica «sen resolver problemas como os altos custos de transacción ou as barreiras non económicas». Tamén estiman que a fiscalidade, aínda que corrixe o efecto sobre o prezo da enerxía, tampouco permite solucionar o problema.

Así, propoñen alternativas como acordos voluntarios, a simplificación de procesos administrativos ou o uso de medidas directas ben focalizadas, entre outras. En todo caso, indican que este campo está aínda sen explorar e as experiencias internacionais son limitadas.


Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar