O abaratamento de medicamentos baixa unha décima o IPC


O Índice de Prezos de Consumo (IPC) situou en novembro a súa taxa anual no 2,9%, unha décima menos que no mes anterior, segundo o indicador adiantado sobre a evolución de prezos en España publicado este martes o Instituto Nacional de Estatística (INE).

Desta forma, a taxa anual do IPC volveu reducirse en novembro nunha décima, tal e como fixo en outubro. Co dato de novembro, a inflación interanual pon fin a once meses de manterse en taxas do 3% ou superiores. De feito, non baixaba do 3% dende novembro de 2010, cando o IPC alcanzou o 2,3%.

Segundo explicou o INE, este recorte dos prezos rexistrado en novembro debeuse, principalmente, ao abaratamento dos medicamentos e outros produtos farmacéuticos e ao comportamento dos prezos de carburantes e lubricantes.

O dato de inflación interanual de novembro é importante para os pensionistas, xa que a partir del se calcula se terán que ser compensados ou non pola desviación de prezos.

En 2011, o Goberno conxelou as pensións, salvo no caso das mínimas e as non contributivas, que subiron un 1% en función do obxectivo de inflación do Executivo. Se se confirma que o IPC interanual se situou en novembro no 2,9%, os pensionistas de mínimas e non contributivas terán que recibir unha paga compensatoria pola desviación en 1,9 puntos da inflación.

O resto dos pensionistas non terán que ser compesados posto que a súa pensión foi conxelada en 2011.

OS DATOS DEFINITIVOS, O DÍA 14.

Pola súa banda, o Índice de Prezos de Consumo Harmonizado (IPCA) alcanzou o pasado mes de novembro o 2,9%, unha décima menos que en outubro.

O INE iniciou a principios de ano a difusión do indicador adiantado do IPC tras introducir unha serie de cambios no IPC harmonizado, que fixeron que as diferenzas entre ambos os dous, antes mínimas, se acentúen.

O organismo estatístico recordou que os indicadores adiantados só proporcionan información orientativa, de tal forma que non teñen por que coincidir cos datos definitivos, que se publicarán o próximo 14 de decembro.

 


Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar