O ex deputado do BNG Fernando Blanco, declara pola «Operación Campión»

 

   O exdeputado do BNG Fernando Blanco declarará o próximo martes en calidade de imputado na coñecida como ‘Operación Campión’, que instrúe a xuíza Estela San José, e despois de que o empresario lucense Jorge Dorribo –principal implicado na causa– lle acusase, supostamente, de recibir compensacións económicas en trámites de axudas.

   Segundo confirmaron a Europa Press fontes próximas ao caso, Fernando Blanco acudirá a declarar o próximo día 29 deste mes ao Xulgado número 3 de Lugo, despois de que a defensa preparase un recurso de apelación contra a prórroga do segredo de sumario.

   A titular do xulgado número 3 de Lugo, que instrúe esta causa sobre unha suposta trama para defraudar axudas públicas, decidiu recentemente volver prorrogar o segredo de sumario.

   Para un dos avogados da defensa, Evaristo Nogueira, as prórrogas dos segredos de sumario de forma continuada supoñen «unha auténtica indefensión» para as persoas que teñen que declarar e, en concreto, neste caso.

   Así, Nogueira manifestou, en declaracións a Europa Press, que «espera e desexa» que «estea xustificado o segredo de sumario» neste caso, porque se trata dunha «vulneración» dos dereitos de defensa dos afectados. Ao seu xuízo, o segredo de sumario debe darse «só en casos moi excepcionais».

DETIDOS E ACUSACIÓNS

   No marco desta operación foron detidas 15 persoas, entre elas o o empresario lucense Jorge Dorribo e dous altos cargos do Igape, todos eles en liberdade, pola súa suposta vinculación nunha trama para defraudar subvencións públicas.

   Ademais, Dorribo verquería, supostamente, acusacións tamén contra o exdeputado popular Pablo Cobián, e o ministro de Fomento, José Blanco.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar