Creceron un 17% as microempresas con conexion a internet

A pesar do incremento, a porcentaxe deste segmento empresarial con conexión á Rede é do 63,8%

O 63,8% das microempresas galegas ten contratada conexión a Internet, experimentando un incremento nos últimos dous anos de 17,1 puntos porcentuais. Das microempresas con conexión a Internet, o 45,7% conta cunha velocidade de acceso de cando menos 4Mbps.

No caso das empresas galegas de 10 e máis empregados, a práctica totalidade dispón de acceso a Internet contratado (98%), 5,1 puntos porcentuais máis que en xaneiro de 2009. Máis da metade (53,2%) conta con velocidade superior a 4 Mbps.

Estes datos corresponden aos resultados das enquisas sobre a Sociedade da Información realizadas ás microempresas e ás empresas galegas de 10 e máis empregados polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica. O estudo recolle a evolución das TIC nas empresas nun período de case dous anos (xaneiro 2009 – decembro de 2010).

O obxectivo das enquisas estudo é avaliar a evolución da penetración e uso das novas tecnoloxías no tecido empresarial galego e permiten, ademais, a actualización do Sistema de Indicadores da Sociedade da Información de Galicia, incluído no III Plan Galego de Estatística 2007-2011 da Comunidade Autónoma de Galicia.

A Sociedade da Información nas empresas de Galicia

O diagnóstico do OSIMGA, correspondente ao ano 2010, confirma a evolución positiva dos indicadores no ámbito empresarial. Galicia presenta unha alta implantación das TIC nas empresas de 10 e máis empregados e un crecemento importante nas microempreas aínda que estas últimas manteñen a fenda dixital con respecto ás empresas de 10 e máis empregados. Un factor a ter en conta dado que as microempresas constitúen o 95% do tecido empresarial galego.

Presenza en Internet

A pesar de que contar cunha web corporativa permite difundir e consolidar a imaxe de marca da compañía máis alá dos límites territoriais e temporais, só o 27,4% das microempresas galegas que dispoñen de acceso a Internet conta con páxina web, sendo os principais motivos para non dispoñer desta, a percepción de que non existe demanda dos contidos da empresa e a falta de recursos.

Nas empresas galegas de máis de 10 traballadores con conexión a Internet, a dispoñibilidade de páxina web acada o 64,8%, cun crecemento de 9,7 puntos en case dous anos (xaneiro 2009 – decembro de 2010).

Comercio electrónico

No relativo ao uso do comercio electrónico, aínda que tanto as compras e vendas adoptan unha tendencia ao alza, en Galicia, a capacidade de compras mediante comercio electrónico é moi superior á de vendas.

Mentres que o 19,4% das microempresas galegas realizou compras a través do comercio electrónico no ano 2010 tan só o 8,3% vendeu a través de Internet neste período. Para o sector de empresas de máis de 10 empregados, aínda que con maiores índices de empregabilidade do comercio electrónico a situación é similar, mentres que o 37,6% fixo compras a través de Internet no ano 2010, tan só o 16,9% realizaron vendas a través da Rede.

Estes datos veñen indicar que as empresas galegas dispoñen dunha ampla marxe de mellora para incrementar as súas vendas a través de Internet, o que redundaría nunha expansión xeográfica do seu mercado e captación de novos clientes.

Incremento de interacción coas AAPP a través de Internet

Un dos principais beneficios de empregar Internet na empresa é a posibilidade de interactuar coa Administración Pública, co conseguinte aforro de tempo e facilidades para a xestión e tramitación. Pero o grao de interacción das empresas coas AAPP por Internet depende principalmente de dous factores, por unha banda da cantidade de información, servizos e trámites ofrecidos on-line e por outra, da capacidade das empresas para acceder a ditos servizos por Internet.

Neste ámbito, a Xunta de Galicia dentro do seu Plan de Modernización da Administración está a realizar un esforzo importante para ampliar o catálogo de servizos públicos on-line, e garantir o dereito de cidadáns e empresas a interactúar coas AAPP por Internet.

No 2010, a porcentaxe de microempresas con conexión á Rede que interactúa coas Administracións Públicas a través de Internet incrementouse en 13,5 puntos porcentuais, situándose no 45,7%. No caso das empresas de máis de 10 empregados a porcentaxe ascende ao 75,3%. Neste diferenza, ademais da evidente fenda dixital entre ambos segmento empresariais, inflúe igualmente o feito de que as microempresas delegan en gran medida unha serie de trámites aos seus xestores contables e administrativos.

En canto ao emprego de mecanismos de seguridade como é o uso da sinatura dixital, cómpre destacar que en 2010 a utilizaron o 26,2% das microempresas e o 60,6% das empresas de 10 e máis empregados con conexión a Internet, en ambos casos principalmente para realizar trámites coa Administración. A sinatura dixital experimentou un incremento moderado desde xaneiro de 2009: 2 puntos porcentuais no caso das microempresas e 5,8 puntos porcentuais nas empresas de 10 e máis empregados.

A este respecto, cómpre lembrar que recentemente a Xunta puxo a disposición das empresas e dos cidadáns un programa gratuíto para asinar dixitalmente documentos, o que permitirá contribuír dende agora de forma ao incremento de dito indicador.

Formación

No tocante á necesidade de que os traballadores das empresas posúan ou actualicen coñecementos en TIC, no 2010 o 19,4% das empresas de 10 e máis empregados o 7,9% das microempresas proporcionaron actividades formativas TIC ao seu persoal.

Finalmente, destacar que a Xunta de Galicia puxo en marcha o pasado mes de xuño o Centro Demostrador TIC de Galicia que constitúe un escaparate tecnolóxico e por tanto, unha referencia no impulso e a difusión do uso das TIC para contribuír á mellora da produtividade e competitividade nos sectores produtivos galegos, a través principalmente da asesoría, capacitación e formación tecnolóxica.

Todos os informes e documentos do OSIMGA distribúense libremente na Rede baixo licenza Creative commons e están dispoñibles na web do Observatorio: www.osimga.org

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar