Aprender para aforrar

 

Economía e Industria aposta pola formación de especialistas para promover o aforro e a eficiencia enerxética na edificación.

Promove tamén un curso sobre as redes sociais para mellorar o posicionamento das empresas no mercado

A Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), na súa aposta pola formación de especialistas para potenciar o aforro e a eficiencia enerxética no sector da construción, asinará durante as próximas semanas convenios de colaboración con sete entidades e organizacións profesionais para a realización de máis de 40 actividades formativas, nas que a Consellería de Economía e Industria investirá un total de 215.000 euros.

Neste sentido, o pasado martes firmouse o primeiro dos acordos, subscrito coa Fundación da Asociación Técnica Española de Climatización e Refrixeración (FUNDATECYR) co obxectivo de impartir, durante o vindeiro ano, un total de 15 cursos en distintas materias de aforro enerxético. Nas vindeiras semanas materializaranse os acordos co Consello galego de Colexios de Aparelladores e Arquitectos Técnicos; o Colexio de Arquitectos de Galicia; o Consello Galego de Enxeñeiros Técnicos Industriais; o Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia, así como coa Asociación Clúster da Eficiencia e Xestión Enerxética Galega (CEXEGA); e a Federación Galega de Asociacións de Fontanería, Calefacción e Afíns.

Estas accións, coas que se persegue a mellora da formación dos especialistas do sector da edificación para conseguir unha maior eficiencia enerxética, insírese na aposta global da Xunta de Galicia por un modelo enerxético limpo e respectuoso co medio ambiente. Ao abeiro das distintas actuacións de aforro e eficiencia, a Consellería de Economía e Industria leva investidos nesta lexislatura 58,1 millóns de euros, que xeran a mobilización de investimentos por valor de 167,6 millóns e un aforro económico de 89,6 millóns de euros.

Outras actuacións no sector da edificación
Ademais das accións desenvolvidas no ámbito da formación, o Inega centra en dous grandes campos as súas actuacións no ámbito da edificación: as liñas de axuda para o aforro e a eficiencia enerxética, dun lado; e os plans renove relacionados co sector –fiestras, fachadas, iluminación e climatización-, doutro. No primeiro apartado inclúense axudas á rehabilitación da envolvente térmica dos edificios existentes, subvencións para a mellora da eficiencia enerxética; e axudas para a construción de novos edificios con alta cualificación enerxética.

 

Economía e Industria promove un curso sobre as redes sociais para mellorar o posicionamento das empresas no mercado

A Consellería de Economía e Industria promove un curso formativo sobre o uso das redes sociais como soporte á innovación e a xestión da reputación das empresas, de cara a mellorar o seu posicionamento no mercado. O curso celébrase o vindeiro martes, 29 de novembro, no Clube Financeiro de Vigo ao abeiro do proxecto europeo: Estruturas Conxuntas de Apoio á Innovación Transfronteiriza na Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal.

A Consellería de Economía e Industria, a través da Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, está a apoiar este seminario co obxectivo de dotar ás empresas de coñecementos das TICs relevantes na súa actividade económica, tendo en conta que a dotación de habilidades para xestionar a implantación de redes sociais na empresa favorece a súa competitividade e penetración nos mercados.

O Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento (i2C) da Xunta de Galicia impulsa a posta en marcha de iniciativas no eido da innovación que permitan desenvolver as vantaxes competitivas das empresas galegas. Neste sentido, o seminario conta coa participación de 40 alumnos que traballarán na medición de reputación on-line, as redes sociais temáticas e especializadas, as plataformas e mercados abertos de contratación de talento, e sobre o novo espazo para a innovación e a colaboración cos clientes, a través destas redes.

O curso incide na importancia que ten para as empresas o uso actual de contornas web 2.0 como ferramenta bidireccional da innovación. Na actual conxuntura, estas ferramentas son fundamentais no enfoque de cara ao cliente da actividade empresarial, adaptando os produtos e servizos ás súas necesidades e expectativas de forma rápida, eficaz e eficiente.

 

 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar