Homenaxe en Santiago: rúa «Manuel Fraga»

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou no acto de inauguración da Avenida Manuel Fraga Iribarne, en Santiago, para destacar o compromiso do ex presidente da Xunta coa súa terra: “Galicia –dixo- quería ser galega sen traumas nin conflitos e Fraga fai que ese desexo se faga posible”.

“Galicia –lembrou Feijóo- anceiaba un modelo propio de amor ao país que non provocara rupturas internas, nin desafectos coa España común. E don Manuel converte en politicamente normal o que na rúa era normal. Ese galeguismo amable estaba xa latente na sociedade galega. O pobo galego sentía que ese era o traxe no que se sentía a gusto”.

Para o presidente da Xunta, Galicia se identifica entón con Fraga “porque Fraga se identifica con Galicia”. “Sabe que Galicia necesita un modelo propio, e por iso ‘aprende’ Galicia antes de vir a gobernala. Fala, escoita, atende, observa, e froito desa aprendizaxe é unha política que acada un respaldo sen parangón nas democracias occidentais”.

Ese respaldo non esmorece co tempo “porque don Manuel non deixou de aprender da súa terra”. “Poucos recunchos do noso país quedaron sen visitar. Poucos galegos lle quedaron sen coñecer a un presidente da Xunta que non se cansaba de percorrer o mapa de Galicia como un incansable peregrino. O Fraga galego xa non tiña un Estado na cabeza, senón a todo un pobo”, aseverou.

O presidente autonómico resaltou que Manuel Fraga abriu moitas avenidas en Galicia: “Avenidas que levaron ao progreso. Avenidas que fixeron unha Autonomía do Benestar sen precedentes. Avenidas que situaron ao noso país como unha comunidade respectada en España e en Europa. Avenidas que recuperaron a autoestima dos galegos”. E engadiu que a pegada de don Manuel está presente en todos os lugares de Galicia de hoxe, e sobre todo está viva no sentimento de miles de galegos de varias xeracións.

“Don Manuel soubo chegar, soubo estar aquí e sabe estar agora con nós na distancia, cunha elegancia sublime que o converte en exemplo para políticos do presente e do futuro”, concluíu.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar