Feijóo empraza ós xornalistas a asumir agora o papel que tiveron na Transición

 O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou, este mediodía, no acto de clausura do Congreso de Periodistas de Galicia-Un futuro para la profesión periodística, a importancia do xornalismo para afrontar a situación actual, como ocorreu en todos os momentos críticos da democracia. “Do mesmo xeito que sen prensa non tiveramos feito a transición exemplar de España e, sen prensa non tiveramos feito o Estado autonómico; sen prensa tampouco poderemos saír da crise económica na que estamos”, asegurou.

 Ao longo da súa intervención, o titular da Xunta pediu aos medios de comunicación a súa corresponsabilidade desde a independencia, desde o rigor, “pero sempre –dixo- buscando o obxectivo común que é superar a crise económica”. “Os políticos necesitan máis ca nunca unha prensa comprometida non cunha ideoloxía e non cun Goberno, senón coa veracidade, co rigor e coa valentía de intentar volver a unha senda de progreso e de prosperidade”, destacou.

 Nesta nova etapa “ambiciosa” como país, que se abre despois das pasadas eleccións do 20 de novembro, Feijóo salientou que, agora, nos toca superar unha terceira transición, “a transición das mentalidades, dos deberes, de facer un gran país e de sacar a todos da situación económica na que estamos”. “E aí, -engadiu- a prensa xogará un papel clave. Se utilizamos o rigor sairemos antes, se utilizamos outros conceptos ou outros métodos sairemos despois”.

 Así mesmo, amosouse convencido de que contribuirá tamén á senda da esperanza e das solucións unha nova forma de facer política económica desde o Goberno central, “unha política que, obrigatoriamente, -aseverou- terá que cimentarse na verdade, na verdade da situación, na verdade no diagnóstico e, en consecuencia, na valentía do seu tratamento”.

 “Sempre quixen e quererei que a veracidade, a obxectividade e a honestidade formen parte de calquera tarefa de servizo público”, afirmou Feijóo, para engadir que se para un xestor público a verdade e a honestidade teñen que ir sempre inseparablemente unidas, “para un xornalista, a honestidade é un paso imprescindible, e previo, para a transmisión da verdade”.

 “A verdade, a veracidade coa que deben estar comprometidos políticos e xornalistas debe impedir calquera tentación de cinismo. Debemos fomentar e valorar a diversidade dos distintos puntos de vista, así como o respecto ás persoas e o respecto ás ideas e, por suposto, á palabra”, dixo.

 Así mesmo, o presidente autonómico lembrou que, no eido da comunicación, a Xunta emprendeu distintas reformas tecnolóxicas, lexislativas e executivas, entre as que destacou, en primeiro lugar, a nova Lei da Compañía de Radiotelevisión de Galicia, “que intenta potenciar a misión e a función dun servizo público e o seu papel como instrumento estratéxico para a promoción do idioma, da cultura e do sector audiovisual, promovendo ao mesmo tempo a súa adaptación aos novos escenarios da converxencia dixital”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar