57 policías locais toman posesión esta fin de semana en 17 concellos

 

Un total de 57 novos policías locais de diferentes concellos de Galicia tomarán posesión hoxe, despois de máis de nove meses de formación na Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp).

Os concellos que recibirán novos axentes son os de Ourense, Allariz, Barbadás e Carballiño, na provincia de Ourense; Ferrol, Ponteceso, Cedeira, Cerceda, Oleiros e Cuntis, na Coruña; e Bueu, Baiona, Ponteareas, Vigo, Redondela, Tomiño e Pontecaldelas, en Pontevedra. É de salientar que cos dous axentes que toman posesión neste último concello, se crea o corpo de policía local, que ata este momento carecía del.

Os novos axentes, que pertencen á sétima promoción dos corpos da policía local de Galicia, veñen de superar o curso básico de capacitación para o ingreso nos corpos da policía local, que deu comezo na Agasp no mes de febreiro e rematou onte mesmo. Durante estes máis de nove meses os alumnos recibiron 900 horas de formación e máis de 500 horas de practicas nos concellos de orixe, tutelados pola Academia.

Os policías locais recibiron preparación para afrontarse con éxito as situacións que na rúa se poidan plantexar, así como en materias mais teóricas coma dereito penal, procesual ou administrativo. Ademais, tiveron unha importante carga lectiva totalmente práctica e dedicada á propia función policial.

Novo plan de formación
Neste sentido, hai que lembrar que esta promoción foi a que estreou o plan de formación para os cursos básicos de ingreso, aprobado o pasado 2010, que ampliou en máis dun 30% as horas prácticas en materias coma tráfico e seguridade viaria, intervención policial, defensa persoal, armamento, elaboración de atestados e violencia de xénero, entre outras.

Así mesmo, neste novo plan de formación creáronse materias totalmente novas, coma prevención de riscos laborais, emerxencias e protección civil, inglés ou informática, na que se instruíu aos novos axentes no programa Autocad, necesario na elaboración correcta dos informes técnicos dos accidentes de tráfico.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar