Compite no «Parlamento Xove»

Imaxe da edición do ano pasado

Aberto o prazo de inscrición para a terceira edición do “Parlamento Xove” no que poderán participar ata 32 equipos

A Consellería de Traballo e Benestar vén de abrir o prazo de inscrición para a 3ª edición do “Parlamento Xove”, no que poderán participar ata un total de 32 equipos, que estarán formados por alumnos de 1º ou 2º de bacharelato xunto cun profesor, que será o coordinador do equipo. O obxectivo desta iniciativa é potenciar entre a mocidade galega o diálogo como ferramenta para argumentar as ideas propias.

O prazo de inscrición estará aberto ata o próximo 27 de xaneiro a través da web http://xuventude.xunta.es.

O “Parlamento Xove” é unha competición entre centros de ensino, na que os participantes de cada equipo –formado por catro alumnos e un profesor- investigarán, escribirán e finalmente debaterán sobre un tema proposto pola organización. Dentro das actividades, inclúese tamén a elaboración de artigos nun blog e a realización dun dossier de investigación sobre o tema tratado.

Este ano o tema proposto é a análise do papel da xuventude no contexto mundial, e reflexionar sobre se esa mocidade vai cara un modelo máis participativo ou máis individualista. Así, os mozos debaterán entre dous posturas: a de diferentes estudos que sinalan que a xuventude é cada vez máis individualista e está máis afastada da participación social, un patrón de conduta determinado tamén polo uso das novas tecnoloxías; ou ben, poderán basearse na que a maioría dos participantes da accións solidarias e de voluntariado son xente moza.

Durante o mes de febreiro do próximo ano, celebraranse as quendas de debates provinciais, dos que sairán os 8 equipos que debaterán na fase final que se celebrará no hemiciclo do Parlamento de Galicia no mes de marzo.

Ademais, na edición deste ano, incorpóranse dúas novidades fundamentais. A primeira delas é que se realizará por primeira vez unha fase de formación para os equipos inscritos que se desenvolverá en varias fins de semana de decembro e xaneiro en Santiago, A Coruña, Lugo, Ourense e Vigo. Nese curso, os alumnos participantes recibirán coñecementos de oratoria enfocada ao funcionamento dos campionatos escolares de debate.

Este ano realizarase unha competición paralela de carácter experimental para alumnos de 3º e 4º de ESO. En anos anteriores, os alumnos de ESO participaban xunto cos de bacharelato, pero as diferentes idades traían consigo diferenzas moi importantes na competición, polo que este ano tense decidido realizar unha competición paralela para estas idades.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar