Maís fondos públicos aos concellos que compartan servizos

 

O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, destacou hoxe a aposta da Xunta por fomentar os servizos municipais compartidos e indicou que impulsará os convenios e acordos nos que varios concellos se comprometan a contratar ou xestionar conxuntamente servizos compartidos.

«A Xunta primará nas axudas a aqueles concellos que se unan para prestar servizos», subliñou Rueda, quen advertiu que é o momento de apostar por esta liña de traballo, xa que ou se avanza nesta dirección de buscar fórmulas compartidas ou haberá servizos cuxa prestación resulte inviable para os concellos galegos.

O titular de Presidencia incidiu en que dende o Executivo se incentivarán e primarán nas convocatorias de axudas e programas a aqueles proxectos municipais que vaian nesa liña, e farase fundamentalmente no que son áreas estratéxicas do Estado do benestar. Como exemplo, recordou que na concesión das axudas do Plan Concertado darase prioridade aos concellos que se coordinen para prestar servizos de forma compartida.

Así o explicou Rueda no transcurso dunha interpelación no Parlamento galego, onde fixo fincapé na necesidade de facer un esforzo entre todas as administracións para facer fronte á difícil coxuntura económica que atravesan os entes locais. Nese sentido, indicou que o máis urxente é blindar os recursos de financiamento dirixidos ao sostemento dos servizos locais e por iso a Xunta leva tres exercicios inxectando partidas complementarias ao Fondo de Cooperación Local.

Así mesmo, recordou que tamén se habilitaron dende o Goberno galego novos mecanismos de xestión para facer circular a liquidez e axuda aos concellos, activouse un Fondo de Compensación ambiental que lles permite participar dos beneficios xerados pola enerxía eólica e púxose en marcha un novo decreto de subvencións que da resposta a unha reivindicación histórica do municipalismo galego.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar