Apoyo da UE en proxectos que permiten mellorar a inserción laboral

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, destacou o respaldo da Unión Europea a proxectos que está a levar a cabo a Xunta de Galicia tanto no eido social como laboral, que permiten, entre outros, a mellora da empregabilidade dos galegos e galegas, como a través da formación dos novos perfís profesionais que están a ser demandados actualmente.

O comisario europeo de Emprego, Asuntos Sociais e Inclusión, Lázsló Andor, visitou en Galicia, xunto a Beatriz Mato, varios proxectos desenvolvidos por este departamento autonómico que contan co respaldo de fondos europeos e que a conselleira xa tiña avanzado ao comisario nunha visita a Bruxelas o pasado ano.

A titular de Traballo indicou que o Plan Sociolaboral que está a levar a cabo o departamento autonómico, constitúe unha clara aposta pola mellora dos servizos sociais que conleva a xeración de emprego, pero require a formación dos traballadores nos novos perfís profesionais como a atención sociosanitaria, tanto no domicilio como nas institucións sociais, en especial en Galicia, onde o 22% da poboación ten máis de 65 anos.

Neste sentido, o comisario europeo de Emprego, Asuntos Sociais e Inclusión valorou de maneira especial a posta en marcha de proxectos cos que se intenta impulsar o envellecemento activo. Por iso, ratificou a aposta da Xunta polo desenvolvemento de programas destinados ás persoas maiores e indicou, ao respecto, que levar a cabo iniciativas deste tipo é, se cabe, máis relevante en España, xa que é un país cun índice elevado de poboación envellecida.

Así, apuntou que é necesario seguir a traballar nesta liña e tamén de cara ao 2012 cando se celebra o Ano Europeo do Envellecemento Activo e a Solidariedade entre Xeracións. Neste sentido, lembrou que os programas destinados á atención aos maiores deben ser un eixo prioritario en toda Europa, ante a crecente esperanza de vida, ao tempo que indicou que se debe abordar o problema do envellecemento demográfico na maioría dos países da UE.

A visita entre a conselleira e Lázslo Andor rematou en Santiago de Compostela cunha xuntanza na que avaliaron as visitas desenvolvidas durante o día e futuras liñas de colaboración entre a Comisión Europea e a Xunta de Galicia neste eido. Entre os proxectos que trataron destacou o Plan Empregatex, para a recolocación de persoas desempregadas do sector téxtil. A data de hoxe, participaron neste programa un total de 520 persoas dos que un 32 por cento xa acadaron un posto de traballo.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar