“Xantar Compostela” promove o galego con 150.000 menteis de xogos

A campaña de dinamización lingüística «Xantar Compostela» pon en marcha novas accións para promover o uso galego desde a hostalería. Con este fin, a iniciativa difundirá 150.000 manteis con xogos e palabras en galego entre establecementos do sector de Santiago de Compostela e comarca, que lles permitirán aos clientes achegarse á lingua propia de Galicia no tempo de xantar.

Así o anunciaron esta mañá o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, e o responsable de Comunicación e Márketing da Asociación Hostalería Compostela, Aser Álvarez, nunha rolda de prensa que tivo lugar na sede desta entidade, en Santiago.

A secretaría xeral e a asociación hostaleira puxeron en marcha esta campaña en decembro de 2010, á que agora lle dan continuidade logo da boa acollida nos últimos meses. Con esta nova distribución, a campaña leva difundidos 350.000 manteis entre os máis de 1.500 socios da Asociación Hostalería Compostela, co fin de fomentar o uso do galego, facer visible a presenza do idioma no sector socioeconómico e favorecer a súa oferta positiva.

Para achegarlles o idioma aos clientes no tempo de espera antes de xantar, a campaña dispón de catro modelos de manteis que inclúen xogos e palabras en galego. Dous deles están pensados para que os máis pequenos poidan realizar diferentes pasatempos de contido lingüístico, empregando léxico relacionado coas comidas.

Os outros dous modelos están dirixidos aos adultos de dentro e de fóra de Galicia. Para estes últimos propóñense palabras en galego coa súa tradución a diversas linguas (castelán, inglés francés e alemán) para que darlles a coñecer o idioma aos turistas e achegarlles algunhas palabras e expresións de utilidade.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar