O PSOE galego atribúe á crise a sua caída

O secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, sinalou este domingo que «sustentar» o Goberno que cargou «integramente co custo da peor crise» de España supuxo para o seu partido unha «caída lineal» en todo o país. «Os cidadáns contestaron con claridade», entendeu.

Despois de coñecer que o seu partido sufriu un descenso de catro deputados en Galicia e de 59 en toda España nestas eleccións xerais –co 95% escrutado–, que o PP gañou por maioría absoluta, Vázquez descartou facer «unha lectura autonómica», xa que a «vitoria» do PP foi «moi ampla» e tivo «repercusións en todo o socialismo español». «Mesmo en comunidades pouco sospeitosas de non ser socialistas, como Andalucía», apostilou.

«Claramente, son unhas eleccións nas que o partido, de modo horizontal, sufriu o custo da crise, como pasou a todos os gobernos de Europa que convocaron eleccións,» incidiu, para abundar en que non se pode facer ningunha lectura que «vaia máis alá» do custo sufrido por «un partido que sustentou ao goberno que xestionou a crise».

Deste modo, e aínda que en campaña se marcou o reto de obter uns resultados para o seu partido «mellores que a media estatal», declinou analizar os datos en clave galega. «Son os mesmos que en España, hai unha caída lineal que repercute en Galicia, porque esta crise cárgase gobernos», reflexionou.

Nesta liña, preguntado polos xornalistas, o dirixente dos socialistas galegos advertiu ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, de que «terá que dar conta do que fixo» polo país» e de que «xa non valerá esconderse baixo o Goberno de España».

Ao fío diso, sobre a posibilidade de que o mandatario autonómico adiante as eleccións galegas –previstas para marzo de 2013–, remitiu a pregunta aos dirixentes do PP, aínda que opinou que a maioría absoluta obtida por Mariano Rajoy «non ten por que condicionar nada» sobre a obtida polos populares en Galicia en 2009.

O xefe de filas do PSdeG, quen compareceu sobre as 22.45 horas, despois de que o fixese Alfredo Pérez Rubalcaba, respondeu ás diversas cuestións dos xornalistas sobre o futuro do Partido Socialista dando por feito de que o Comité Federal que se reunirá este luns «tomará a decisión de abrir o congreso». «Iso parece», indicou.

«A partir de agora, o futuro decidirao o Comité Federal», remarcou, despois de eloxiar a «impresionante campaña» do aspirante socialista a La Moncloa, na que, ao seu xuízo, «todos socialistas» se sentiron «identificados». «Cando el falaba, facíao coa nosa cabeza e o noso corazón», resaltou.

Dito isto, Pachi Vázquez, que este mesmo luns convocará tamén á súa Executiva –varios dos seus membros, encabezados polo secretario de Organización, Pablo García, e o voceiro parlamentario, Abel Losada, arroupáronlle hoxe–, asegurou que seguirá traballando «en todos os sitios» para «recuperar a confianza dos homes e mulleres deste país».

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar