«Os galegos sen recursos están agora mellor atendidos»

A Consellería de Sanidade insistiu este sábado en que os galegos sen recursos e os parados están mellor atendidos coa nova orde de asistencia sanitaria e sostivo que é garantista para quen viven na comunidade.O departamento que dirixe Farjas afirmou que as persoas sen recursos teñen aseguradas en todo momento as prestaciones sanitarias e que aos traballadores en situación de desemprego facilítaselles que teñan dereito de forma continuada á asistencia sanitaria pública sen ter que estar tramitando o recoñecemento cada vez que comezan a traballar.

Así, Galicia creou o Código 29 para os cidadáns que residen na Comunidade Autónoma, de xeito que se cubre o dereito á asistencia sanitaria en Galicia, tanto se traballan como se non nese momento. No resto do Estado español a atención non está garantida se constan sen dereito á asistencia sanitaria na base de datos da Seguridade Social.

Deste xeito, a Administración sanitaria de Galicia converteuse na primeira en adaptar os seus trámites á situación socioeconómica actual, xa que a crise e o aumento do número de desempregados ten conducido a que moitos traballadores, con entradas intermitentes no mercado laboral, teñan que estar tramitando constantemente o recoñecemento do dereito á asistencia sanitaria, ben como traballador, polo tempo que durara o traballo e o subsidio, ben como persoa sen recursos ou como beneficiario, ante o Instituto Nacional de Seguridade Social e, despois, ante as unidades provinciais de tarxeta sanitaria da Consellería de Sanidade e o SERGAS.

Neste sentido, as dúas vías contempladas na Seguridade Social para o recoñecemento do dereito ás prestacións sanitarias para estes casos -e que dan dereito á asistencia sanitaria en todo o Estado español- son a de poñerse como beneficiario dun titular da Seguridade Social, co que conviva e do que dependa economicamente, ou solicitalo como persoa sen recursos económicos suficientes.

Protección blindada aos máis desfavorecidos
Preto de 1.000 persoas solicitaron xa acollerse ao Código 29 regulado pola Orde do 5 de setembro de 2011 da Consellería de Sanidade, pola que se actualiza o procedemento para o recoñecemento do dereito á asistencia sanitaria por parte das persoas sen recursos económicos suficientes e daquelas que se encontran en situación de desemprego.

Esta Orde é garantista para os cidadáns que vivan na comunidade, de xeito que as persoas sen recursos económicos suficientes teñan aseguradas en todo momento as prestacións sanitarias.

Sanidade salienta que con esta medida os máis desfavorecidos teñen completamente blindadas as súas prestacións sanitarias públicas.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar