O PSOE galego agarda contar cos indecisos

O secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, afirmou que os indecisos «se están a mover» baseándose nos datos internos que manexa e que lle permiten afirmar que «está a haber un repunte» cara ao seu partido, «movemento» que atribuíu a que a dereita empezou a quitar a careta».

En todo caso, «máis alá de cál sexa a tendencia nacional», o xefe de filas dos socialistas galegos mostrouse «seguro», nun almorzo informativo, de que o PSdeG «mellorará os resultados do PSOE en España». «Como nas municipais», comparou.

Para a federación galega, «manter» o resultado actual, que xa constitúe «o teito» do seu partido en Galicia, sería «ideal». Logralo, en palabras de Vázquez, «depende da mobilización da esquerda», que ten nas provincias de Lugo e Ourense «só dúas opcións», o PP ou o PSOE.

Dito isto, mostrouse «orgulloso» de que todos os integrantes das candidaturas socialistas «botaran o resto» nestes 15 días de campaña. «Non se lles pode pedir máis», valorou, para explicar que se acontece o que prognostican as enquisas é por «un problema» en toda España.

«CONTAMINACIÓN» NA CAMPAÑA
Os socialistas, que centraron a súa campaña, na «defensa dos dereitos cívicos e cidadáns» e en «facer chegar á xente a diferenza entre un goberno do PP e outro socialdemócrata», percibiron «unha grande contaminación do pesimismo económico» nos últimos 15 días, tal e como sinalou Vázquez.

«Esa incerteza parece ter atenazados aos cidadáns, distorsiona os canons normais de comportamento político», reflexionou, en alusión a que a vontade de introducir «copagamento» en todos os ámbitos sociais que atribúe ao PP e á resposta que daría a sociedade a ese tipo de políticas noutra conxuntura económica.

En todo caso, indicou que «a xente de esquerdas se está a mover» aínda que declinou precisar se «en cantidade abonda para lograr a vitoria». «Iso ninguén o di», sinalou, aínda que si insistiu en que hai «un movemento claro de rebrote de apoio ao PSOE».

O punto de inflexión, segundo dixo, foron «as demoledoras declaracións de Rajoy» sobre a inviabilidade da dependencia. Agora, ao seu xuízo, «ninguén se pode chamar a engano», de modo que concluíu que se resulta vencedor «é porque a xente decide construír un país desas características». «Porque o resultado marcará o futuro do país», advertiu.

RAJOY «NON O SABE COMO ARRANXAR»
Por iso, incidiu en que «nunca» a xornada de reflexión tivo «tanta importancia» como nesta ocasión, xa que o próximo domingo se decidirá «o modelo» de sociedade, ao optar entre un partido que defende os dereitos sociais e outro que «leva indefectiblemente á súa perda».

E, en termos económicos, sostivo Vázquez que «a dereita non ten un modelo para resolver a crise» esgrimindo a suba da prima de risco. «Está claro que non teñen fórmulas», abundou, e considerou proba diso a súa oposición ao incremento fiscal ás rendas máis altas.

Establecendo un paralelismo entre o presidente da Xunta e o aspirante popular a La Moncloa, recordou que en Galicia o paro «crece o dobre» que a media estatal e que a produción industrial «cae seis veces máis» e que Feijóo prometeu «baixar os impostos pero non o fixo». «Con esta imaxe do país, non me estraña que creza a desconfianza», criticou.

Seguindo con esta comparación, sinalou que Feijóo pasou de «culpar de todo o presidente da Xunta a culpar de todo Zapatero», de modo que interpretou que, de converterse Mariano Rajoy en presidente «todo será problema de Europa ou de Obama», porque os do PP «nunca abordan os problemas».

PERDER SERÍA «MALO» PARA ESPAÑA
Fronte a iso, destacou que Alfredo Pérez Rubalcaba se comprometeu a pedir os que formulan a corrección do déficit en dous anos que «se non é en dous, é en catro», porque «a xente ten que ter as súas prestacións sociais».

Por todo, opinou que «perder o Goberno sería moi malo para os cidadáns e para o sistema socialdemócrata», pero resolveu que esa decisión compete aos cidadáns e que eles «non se equivocan nunca».

FEIJÓO, «INMORAL
Noutra orde de cousas, preguntado sobre a chamada á «reflexión» aos cidadáns de Feijóo dende o atril do consello de la Xunta para que España deixe de ser «un dos países máis fráxiles do mundo», Pachi Vázquez considerou «inmoral» que «sempre» utilice os medios institucións para «atacar o Goberno central e a oposición».

Malia todo, dous anos e medio despois da súa chegada a Monte Pío, o dirixente dos socialistas de Galicia opinou que os galegos «xa saben quen é e cál é a súa coherencia, a súa solvencia e o seu compromiso».

CAMPAÑA «AUSTERA»
Por último, Vázquez quixo deixar constancia de que a campaña posta en marcha polos socialistas estivo «marcada pola austeridade» e «polo alto nivel» dos seus candidatos nas catro provincias galegas.

E o seu modelo de campaña foi de «contacto» e de «corpo a corpo», xa que se organizaron «innumerables actos» mentres o PP unicamente «estaba a esperar a que pasasen os días». Detectou tamén o secretario xeral unha «importante mobilización» de militantes e simpatizantes e «un participación moi importante» en todos os actos «sobre todo, de xente nova».

En canto ao peche de campaña, previsto en Sarria (Lugo), explicou que a previsión era facelo cos candidatos de Lugo e que estes decidiron que se fixese en Sarria. «Non ten maior importancia» que non se escollera unha cidade, segundo o seu criterio.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar