O cubano Jorge Luis Prats inaugura o Concurso de Piano de Ferrol cunha homenaxe a Franz Liszt

Aclamado como un dos máis importantes pianistas da actualidade, Jorge Luis Prats ofrecerá un repertorio de obras para piano de Schumann, Busoni, Bizet e o propio Liszt, no 200 aniversario do compositor húngaro

O pianista cubano Jorge Luis Prats

O Teatro Jofre de Ferrol acolle hoxe un dos concertos máis agardados do Galicia Classics, ciclo promovido pola Xunta de Galicia na conmemoración do Ano da Música 2011. O cubano Jorge Luis Prats, aclamado como un dos máis importantes pianistas da actualidade, logo das súas últimas actuacións na Salle Pleyel parisiense, inaugurará unha nova edición do Concurso de Piano Cidade de Ferrol. Este recital renderá tributo a Liszt, no 200 aniversario do músico húngaro, a través dun repertorio de obras para piano de Schumann, Busoni, Bizet e o propio Liszt.

Jorge Luis Prats é un reputado pianista, cunha sólida formación en centros coma o Conservatorio Tchaikovsky de Moscova, o Hochshüle für Müsik und Künstler de Viena, ou o Conservatorio de París. Os seus concertos levárono por todo o mundo, cun repertorio para piano que inclúe obras de Mozart, Beethoven, Brahms, Rachmaninoff, Ravel, Tchaikovsky, Debussy, Chopin… Ademais, gravou para selos de renome internacional, coma Pathé Marconi (EMI), Deutsche Gramophone (Alemaña), ASV e IMP (Reino Unido), ou Musical Heritage (EE.UU.).

Galicia Classics reúne, ao longo deste 2011, ás figuras máis importantes da música clásica en seis grandes ciclos, o dedicado ás Grandes Orquestras, outro de Grandes Voces, un apartado para os Grandes Intérpretes, outro destinado á ópera e os ciclos Made in Galicia e En Xira. Con estes apartados, Galicia Classics continuará o compromiso coa música clásica iniciado en 2010 con Xacobeo Classics, que se pechou con máis de 40.000 asistentes ao medio cento de actuacións programadas.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar