Guillerme Vázquez: «que Galicia se faga respectar»

O voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez, clamou contra a «abstención» ou a «resignación» o próximo 20 de novembro, e solicitou o voto para os nacionalistas, para que Galicia «se faga respectar» en Madrid e en Europa e porque esta formación, proclamou, representa a «única alternativa galega e de esquerdas».

Preto de mil persoas arrouparon o candidato pola provincia da Coruña, Francisco Jorquera, quen advertiu de que, cando se fala de Galicia no Congreso, «levantase e vaise do hemiciclo». «Por Galicia só se molla o BNG», deixou constancia o número un coruñés.

As chamadas á concentración de esquerdas, aos que «non esquecen» aos galegos cando chegan a Madrid, ao «voto útil», vestiron o discurso de Guillerme Vázquez neste último mitin da campaña electoral, na que fixo fincapé en que o BNG estará ao lado das «persoas» e non dos «banqueiros» e loitará polos sectores produtivos galegos.

Banca pública ou unha reforma fiscal para que «paguen os que máis teñen» son outras das propostas que neste día de peche recordaron os nacionalistas.

Guillerme Vázquez reclamou o voto ao Bloque para que haxa «un cambio na política económica, para loitar polo traballo e salario digno». Nin resignación, nin abstención nin un paso atrás para coller impulso, a votar BNG para non se arrepentir o 21″, arengou.

Díxoo porque constatou que hai un «rumor» sobre que o BNG «non vai ter problema» para ter representación». «Está ben, terémola se o 20-N están aí as papeletas», apostilou. «A Galicia na cabeza, e no corazón, a esquerda», afirmou nunha das súas proclamas máis repetidas desta campaña electoral.

«ÚNICA ALTERNATIVA REAL»
Guillerme Vázquez abundou en que o BNG é a «única alternativa real con posibilidade de ter representación no Congreso e Senado para, tamén construír outra Europa, outra ben diferente á que construíron PSOE e PP, a que defende o BNG, a da esquerda, cohesión social e territorial».

PARA QUE NON SE ARREPINTA
Pola súa banda, o cabeza de lista polo BNG na Coruña, Francisco Jorquera, advertiu de que «é importante exercer o voto e participar en masa» se se queren cambiar as cousas. «Se queremos evitar que algún se arrepinta o 21-N», subliñou Jorquera, quen se «atreveu» a pedir «un último esforzo» aos galegos para apoiar ao BNG, que «ten a Galicia na cabeza».

Co «aval do traballo feito», Jorquera chamou ao voto, porque os nacionalistas «tamén foron capaces de propoñer políticas alternativas» no Congreso. «Máis recortes provocan máis crise e máis paro, unha dinámica de sometemento á chantaxe dos mercados que está a socavar as bases da democracia».

Así, nos que son os últimos compases desta carreira cara ás urnas, o aspirante pola Coruña pediu o voto para os «nacionalistas, galeguistas, e a todas as persoas que sentan galegas, aos progresistas, para que concentren o voto no BNG».

Emotivo agradecemento foi o que protagonizou Jorquera, que non se esqueceu de recordar aos colaboradores, aos traballadores do BNG, á súa familia e a todos os militantes, aos que asegurou que o Bloque se presentou nesta campaña «coa cabeza moi alta».

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar