Feijóo sintetiza as opcións: seguir igual ou cambiar

O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, afirmou na Coruña que os españois temos dúas opcións: seguir igual ou cambiar; e cambiar é o voto ao Partido Popular. Segundo o dirixente popular, “ou seguimos igual ou cambiamos”, e iso é o que se pode reflectir o vindeiro domingo co noso voto.

Así se expresaba o líder do PPdeG no mitin de peche de campaña, no que asegurou que España precisa un Goberno que estea á súa altura e á altura das circunstancias nun momento coma o actual.

Como asegurou Feijóo, España, e xa o demostrou, é un país capaz de xerar emprego, e non podemos resignarse a sumar máis paro aos 5 millóns de parados que sofren este Goberno. Do mesmo xeito, ten futuro nunha mocidade crítica e formada e non é xusto que as súas perspectivas sexan dun 50% de paro xuvenil.

Así mesmo, como lembrou o dirixente popular, España é un país de xente responsable; que non merece que Europa lle estea rifando todos os días pola irresponsabilidade dos seus gobernantes; de xente que cumpre coas súas obrigas; con españois e galegos exemplares en esforzo e sacrificio.

Con respecto a isto, Feijóo indicou que se hai máis de dous anos as galegas e os galegos pensamos que había razóns para cambiar e votamos batendo un récord de participación, o próximo domingo as razóns multiplícanse para que sexa un día histórico.

Nesta liañ, invitou a todos os os que votaron no 2009, aos que non e aos que votan por primeira vez, a expresarse nas urnas o vindeiro domingo, xa que hai unha xestión e unha política moito mellor que a que se coñeceu durante estes 8 anos en España.

SENTIDO COMÚN

O dirixente popular lembrou que o cambio está tan preto, a só dous días, que se pode tocar coas mans, collendo o domingo a papeleta do Partido Popular e votando con ganas, con ilusión e con esperanza.

Segundo asegurou, os populares queren cambiar o estado de decepción, descrédito e malestar por un estado de esperanza, confianza e benestar a través dunha xestión económica responsable, que poña en primeira liña as demandas e as necesidades da xente e que asegure os servizos públicos. Trátase de xestionar de forma que os cidadáns se poidan sentir reflectidos e representados.

Como asegurou Feijóo, España precisa do sentido común de Mariano Rajoy e dun Goberno que non empregue os fondos públicos sen criterio e sen límites e si crea nos emprendedores. Con respecto a isto último, apuntou que as ideas dos españois non son peores que as dos alemáns ou as dos franceses, senón que o que é peor é o Goberno.

Fai falla, por tanto, un Goberno capaz de devolver a confianza e a estabilidade a este país; que crea na mocidade e empece por facelo na escola, na formación profesional e na Universidade, con máis nivel de excelencia e tamén máis nivel de esixencia; que non sexa en Europa un simple recadeiro senón que forme parte da Europa que fai propostas e toma decisións; que sexa o compromiso continuo con Galicia e que non supoña paro, déficit e incumprimento; senón que sexa emprego, emprego e emprego.

O VOTO AO PARTIDO POPULAR

Como indicou Feijóo, o voto ao PP é o voto dun país que xere confianza para crear emprego; o apoio aos emprendedores, para que non teman ao seu propio país cando queiran iniciar un proxecto; é reformar o sistema laboral para que sexa máis sinxelo contratar, e non como agora que é máis sinxelo despedir; é asegurar que as pensións non se volvan conxelar como fixo este Goberno; é unha política económica responsable para que ninguén volva poñer en risco a política social; e é volver a formar parte da Europa que opina e toma decisións e non da que soamente recibe ordes porque non se fían de nós.

En suma, o voto ao PP é futuro para este país, por iso o dirixente popular pediu a todos os españois que o próximo domingo voten para que sexan eles –e só eles- os que rescaten ao seu país.

COMPROMETERSE A FACER TODO O POSIBLE

Segundo Feijóo, os populares “non prometemos imposibles pero si nos comprometemos a facer todo o posible” para xerar oportunidades e crear condicións nas que poida haber emprego, por que a política e o goberno non sexa un problema engadido para os cidadáns, e por facer máis con menos como xa o teñen feito desde a Xunta de Galicia.

Por iso, o líder do PPdeG pediu o voto aos populares a todos os que os votaron sempre, aos que os deixaron de votar, aos que nunca votaron e aos que se senten desanimados pola crise, para dicirlles que pode haber unha esperanza e esta pode iniciarse o próximo domingo co cambio aue traerá un Goberno que saberá establecer prioridades e nesas prioridades estará Galicia.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar