Amplíase a campaña de vacinacion antigripal

 

Galicia súmase a iniciativa doutras comunidades de amplia a Campaña de vacinación antigripal e antipneumocócica, que tiña previsto rematar hoxe, ofrecéndose así a posibilidade de vacinarse a aquelas persoas que aínda non o fixeron por diferentes razóns. A data de peche da campaña decidirase en función da situación epidemiolóxica do virus da gripe e da demanda da vacina, segun indica a Dirección Xeral de Innovación e Xestiónd a Saúde Pública da Consellería de Sanidade, que explica que  as previsións sobre a entrada da onda epidémica terá lugar a finais de ano ou principios do próximo.

Os grupos de risco obxecto desta vacinación son as persoas con enfermidades crónicas cardiovasculares, respiratorias, neuromusculares; as que teñen enfermidades metabólicas, renais, hepáticas ou hematolóxicas crónicas; as persoas con inmunodeficiencias; as que padecen obesidade mórbida; e as mulleres nas que o seu embarazo coincida coa temporada de gripe.

Tamén están dentro deste grupo aquelas persoas con posibilidade de transmitir a gripe a outras de alto risco, como os traballadores de centros sanitarios e sociais; e as que desenvolven traballos esenciais para a comunidade, como policías e bombeiros. Así mesmo, as que pola súa ocupación poden estar en explotacións ou matadoiros de aves ou porcos; e os viaxeiros internacionais.

O principal obxectivo desta campaña é diminuír o número e gravidade das complicacións derivadas de padecer a gripe e a morbimortalidade das enfermidades causadas polo Strepcoco pneumoniae na poboación de Galicia. Neste sentido, a vacina da gripe non só reduce a incidencia desta enfermidade, senón que ademais diminúe a frecuencia de complicacións secundarias e o risco de hospitalización e morte relacionada coa gripe nas persoas maiores e noutras con patoloxías previas.

Como vacinarse
A vía de administración desta vacina é intramuscular, é moi segura e as reaccións que pode producir adoitan ser lixeiras e pasaxeiras.

Galicia conta con arredor de 900 puntos totais de vacinación, entre os que se atopan todos os centros de saúde e consultorios; os centros hospitalarios públicos; os hospitais e consultas médicas privadas; as residencias e centros para a terceira idade; as unidades asistenciais de drogodependencias; os centros penitenciarios; e os centros de atención a discapacitados.

Os interesados en vacinarse deben poñerse en contacto co seu centro de vacinación onde lle informarán de cómo e onde solicitar a cita. As persoas con 60 ou máis anos, así como aquelas que sufran enfermidades crónicas, deben acudir ao seu médico de cabeceira ou centro de saúde onde serán informados das vacinas que deben recibir.

Sanidade achegou este ano 3,7 millóns de euros á campaña de vacinación fronte a gripe e o pneumococo. Adquiríronse un total de 610.000 doses (580.000 doses de vacinas antigripais e 30.000 doses de vacina antipneumocócica).

Este ano consolídanse as melloras incorporadas no ano anterior: a ampliación en cinco anos da poboación diana (que pasou dos 65 anos aos 60) e a vacinación nas persoas de 75 ou máis anos cunha vacina adxuvada, que ten un maior poder inmunóxeno e, polo tanto, unha eficacia máis alta.
 

 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar