Pachi Vázquez proclama que con Rajoy chega «o epitafio do Estado social»

O secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, interpretou este xoves que o candidato do PP á Presidencia do Goberno, Mariano Rajoy, anunciou «o epitafio do Estado social» ao empezar a revelar «o que tivo calado tanto tempo» do seu programa, cando afirmou que a Lei de Dependencia «non é viable». «Sacouse a careta», dixo.

   Nun mitin en Santiago xunto co cabeza de lista do PSOE ao Congreso pola Coruña, Francisco Caamaño, o xefe de filas do PSdeG volveu facer referencia a esas palabras do dirixente popular nunha entrevista concedida ao diario ‘El País’, para concluír que «ningunha persoa socialista ou progresista quede na casa o domingo».

   «É imposible que unha persoa que lle queira ao modelo de progreso quede na casa», incidiu, para ironizar, a liña seguida, con que Rajoy «xa non pode facer máis» polo PSOE. Dito isto, preguntouse que haberá que facer cos dependentes se o popular accede á Moncloa: «baixámolos ao portal e deixámolos alí?».

   Para Vázquez, estas medidas supoñen «volver ao modelo de beneficencia» dando «a puntilla ideolóxica ao modelo de Estado», para pasar a outro sistema no que «non vai haber seguro de desemprego para todos» e no que haberá que pagar medicamentos». «Non me estraña que suba a prima de risco, tíñase que disparar ata o prezo do pan», sentenciou.

   Neste escenario, o líder dos socialistas galegos preguntouse «que máis teñen que facer para dicirlles que xa está», xa que en Galicia constatouse que a fórmula de «recortar educación, sanidade, dependencia e bolsas non funciona». «Aínda que hai que recoñecerlles que menten magnificamente», remarcou, dicindo que «o galeguismo cordial significa ‘adeus ao galego'» e que a gratuidade solidaria supón poñer fin ao sistema de libros de texto gratuítos.

   E, tras sinalar as coincidencias entre o presidente galego e Rajoy, advertiu a Europa de que teña «ollo». «Feijóo dicía que todo o que pasaba en Galicia era culpa do presidente da Xunta, ata que chegou el e xa nada ten que ver co presidente da Xunta, senón que é culpa de Zapatero», comparou.

«QUE NON NOS SEDUZAN»

   Finalmente, puxo ao PSOE como «único aval» das políticas sociais, fronte aos gobernos de «tecnócratas» nos que se pide aos enfermos que «demostren que é rendible curalo» e aos mozos que acrediten garantías para permitirlles estudar.

   «Non deixemos que nos seduzan con eses cantos de sirena de que canto menos Estado, mellor,» advertiu Pachi Vázquez, para incidir en que «non enganen por enésima vez». E a ese 30 por cento de indecisos, advertiulle de que «está en xogo o futuro e o modo de vivir».

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar