Manuel Lourenzo gaña o premio de novela longa «Blanco Amor»

 

Manuel Lourenzo González é o gañador da XXIX edición do premio de novela longa Eduardo Blanco Amor que este ano organiza o Concello de Santiago e que está dotado con 12.020 euros. Así o decidiu o xurado do premio reunido o 11 de novembro no Teatro Principal cando elixiu a súa obra, presentada baixo o lema ATL. O premio será entregado ao gañador polo alcalde, Xerardo Conde Roa, nun acto que se celebra o 2 de decembro, ás 20:00 horas, na Sala Mozart do Auditorio de Galicia.

O xurado, que fai constar na acta que «valora moi positivamente a cantidade e a calidade xeral das obras presentadas», despois das correspondentes deliberacións acordou conceder o premio de novela longa Blanco Amor á obra presentada baixo o lema ATL, que unha vez aberta a plica resultou ser da autoría de Manuel Lourenzo González.

Tal e como recolle a acta, o xurado valorou «moi positivamente a coherencia do universo literario empregado. A intriga que desenvolve a trama está ben dosificada e consegue captar a atención do lector. O mundo futuro no que se desenvolve resulta sólido e sen estridencias. E, ao mesmo tempo, ATL ocúpase dos problemas da identidade e o sentido da vida que son manexados de maneira eficaz. O dinamismo da historia, a escrita entretida e áxil e a credibilidade do futuro no que nos sitúa, foron valores apreciados por este xurado para escoller a ATL como a novela gañadora desta edición do premio Blanco Amor».

O xurado que elixiu ao gañador estaba integrado por Paula Carballeira Cabana, Francisco Macías Macías, Iván García Campos e Pablo Couceiro Caramés, asistidos polo concelleiro de Cultura, Educación e Normalización Lingüística, Ángel Currás, en calidade de secretario, con voz e sen voto.

Manuel Lourenzo, licenciado en Pedagoxía, é profesor de Lingua e Literatura Galegas no instituto Torrente Ballester de Pontevedra. Autor polifacético, cultiva a narrativa de adultos, aínda que el mesmo indica que se sinte especialmente cómodo como creador de literatura xuvenil e de contos para cativos. Tamén ten varios libros de teatro e de ensaio no ámbito da didáctica da lingua, así como libros de texto. Obtivo varios premios coma o Xerais de Novela, Pedrón de Ouro, Carvalho Calero, Café Dublín, García Barros, Narrativas quentes e Merlín en narrativa; O Facho e Estornela en teatro e máis recentemente o Premio de Literatura Infantil Barco de Vapor. Agora, ese listado vén agrandarse cos este Premio de Novela Longa Eduardo Blanco Amor.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar