Feijóo reflexiona: «un luns ó sol» ou «un luns de esperanza»

   O presidente do Partido Popular galego, Alberto Núñez Feijóo, fixo reflexionar este xoves ao seu auditorio, ao que invitou a preguntarse o que quere que sexa o próximo 21 de novembro. Advertiu, neste sentido, de que toca elixir entre «un luns ao sol» ou un «luns de esperanza», ao respecto do que sinalou que dos primeiros, España xa tivo «moitos».

 

   Proclamouno ante un pavillón dos Remedios de Ourense que se encheu ata a bandeira nun mitin no cal solicitou «solemnemente» o voto e apelou en varias ocasións aos bos resultados conseguidos na provincia ourensana. De feito, augurou que o próximo domingo electoral, cando se abran os sobres de votación, o resultado será como o conseguido en 2004 e en 2008 en Ourense e nas autonómicas de 2009.

   Así, asegurou que se o PP obtivese resultados similares no ámbito nacional en 2008, «agora España non sería o ‘patito feo’ de Europa» e non tería «unha prima de risco de 500 puntos». O líder dos populares galegos tamén reivindicou, ante a presenza do conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, as políticas educativas da Xunta, así como o compromiso coa atención aos dependentes, fronte ao Goberno estatal socialista.

   Na que xa é a recta final desta carreira cara ás urnas, Feijóo chamou a aproveitar a «oportunidade» de contar na Moncloa cun «presidente galego». «Aquí estamos afeitos a golear e agora pídovos recuperar todos os votos dos que queiran un cambio, un luns de esperanza, dos que non lles interesa máis luns ao sol», animou o líder popular.

   Feijóo defendeu que España «merece un presidente que diga a verdade» e, neste sentido noutro punto da súa intervención, acusou aos socialistas de «manipular todo o que poden». «Hai un só día, unha soa semana no que o PSOE cumprise (a Lei de Dependencia)?, É que agora por dicir a verdade resulta que se vai sacar a Lei de Dependencia?», preguntouse Feijóo na súa intervención, na que avisou de que a «verdade» é que, cando o PPdeG chegou á Xunta, dábanse unhas 4.000 prestacións e agora estas ascenden máis de 40.000.

   Coa presenza do conselleiro ourensano Jesús Vázquez, que ao ser mencionado levantouse para saudar os asistentes, Feijóo reivindicou a inversión en materia educativa e, en especial, para a aprendizaxe de inglés e tecnoloxía. «Hai ministros que teñen diñeiro para pagar colexios británicos, a maioría non. Se tivésemos que esperar a ser ministros, teriámolo claro», explicou antes de proclamar que «os galegos tamén temos dereito a aprender inglés».

   Antes de denunciar a campaña de «clixés e tópicos rancios» que atribuíu ao PSOE contra os populares, Feijóo tamén advertiu doutra «mentira» do PSOE, referida á sanidade. Ao respecto, reprobou que os socialistas están a «distribuír un papel» para «amedrentar á poboación» dicindo que o Sergas «vailles cobrar» por usar unha cama hospitalaria ou por facerse unha proba diagnóstica.

   «O 21, cando volvamos aos hospitais e aos centros de saúde, cando volvamos gozar da mellor sanidade, tomaremos nota da mentira masiva do Partido Socialista», advertiu Feijóo, quen considerou que a campaña do PSOE está «no límite do bo gusto», con «burdas mentiras» e «ton amenazante».

   Todo iso enmarcouno na «obsesión por borrar» os oito anos de Goberno de José Luis Rodríguez Zapatero. «Nin cunha campaña de dúas semanas, nin cunha campaña de dous anos serían capaces de borrar o que fixeron», aclaroulles o líder do PP galego, quen concluíu que «só hai unha solución, votar o domingo, votar ao Partido Popular». «Aí imos borrar o pasado e empezar un novo futuro», sentenciou.

   O mitin, que reuniu uns 2.500 militantes e simpatizantes ourensanos, estivo marcado polas fortes ovacións realizadas dende as bancadas tinguidas de azul dos mozos do Partido Popular, entre os que unha voz feminina chamou «guapo» ao presidente galego. «Guapa ti», interrompeuse Feijóo para responderlle dende a tribuna de oradores.

   Tampouco os oradores pasaron por alto a presenza hai dous días do expresidente do Goberno Felipe González neste mesmo escenario, ironizando con que tiveron ata que recortar o auditorio porque non encheron Os Remedios, en palabras do presidente provincial do partido, José Manuel Baltar Blanco.

   Durante a súa intervención, José Manuel Baltar Blanco tivo palabras para o presidente fundador do Partido Popular, Manuel Fraga, para brindarlle unha ovación e recordar que «tres días despois» da cita coas urnas é o aniversario do expresidente. «Quero que o PP de Ourense lle mande o máximo cariño ao señor Fraga Iribarne», arengou Baltar Blanco, quen tamén reivindicou que a provincia ourensana foi a que máis apoio popular deu ao actual xefe do Executivo galego, Alberto Núñez Feijóo.

   Neste sentido, e tras ter palabras de eloxio tamén para o presidente da Deputación de Ourense, José Luis Baltar, quen é o seu pai, identificou as iniciais do candidato socialista á Moncloa con «A de aumento de impostos, P de paro e R de recortes».

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar