Puntos de información interactivos nas prazas de abastos

O mercado municipal do Grove é o primeiro en incorporar un tótem multimedia no que se informa sobre os produtos que están á venda e receitas para elaborar con eles, así como información turística do Concello

A Consellería de Economía e Industria, a través da Oficina Provincial de Comercio, está a desenvolver un proxecto piloto que ten por obxectivo contribuír á modernización das prazas de abastos e sumar aos seus usuarios á xente máis nova, e que consiste na instalación de puntos de información interactivos en cinco mercados de abastos da provincia. Ademais do Grove, onde esta mañá se deu a coñecer a iniciativa, contarán con estes tótems multimedia os mercados do Porriño, Portonovo, Bueu e Caldas de Reis.

Nestes dispositivos poderase consultar información sobre os produtos que están á venda en cada un dos mercados, suxestións de receitas para elaborar con eles, e os servizos existentes na propia praza e información turística da zona, así como menús saudables elaborados pola Consellería de Sanidade.

A directora xeral de Comercio, Nava Castro, que presentou o proxecto xunto co director xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública, Manuel Antonio Varela, e o alcalde da localidade, Miguel Ángel Pérez, así como representantes do comercio local, asegurou que o proxecto piloto se enmarca no constante traballo da Consellería de Economía e Industria por “revitalizar e dinamizar os mercados municipais, para convertelos en puntos de referencia para a compra de produtos frescos e de calidade, onde se leve a cabo unha venda moderna con servizos, diversidade e excelencia”.

Dentro da estratexia integral de apoio aos mercados galegos que está a desenvolver o departamento que dirixe Javier Guerra inclúense, ademais dunha convocatoria de axudas para apoiar a dinamización da actividade e a modernización das prazas de abastos, iniciativas como a posta en marcha da campaña “Este inverno presume de praceiro”, orientada á recuperación da imaxe dos mercados; a liña de axudas aos Concellos destinada á remodelación dos mercados, ou o Portal do comerciante, con presenza nas redes sociais.

Recomendacións de menús saudables
A partir das receitas típicas da gastronomía galega, a Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública elaborou un menú diario incluído dentro dunha programación semanal e de tempada de acordo coas recomendacións dietéticas actuais. O plan de menús  semanal deseñouse para mulleres adultas sans de mediana idade con actividade física lixeira a moderada aínda que, adaptando as cantidades e as necesidades específicas dalgúns nutrientes na infancia e na adolescencia, poden servir de referencia para toda a familia. Para elaborar eses menús, que se poden consultar nos tótems interactivos, tamén se tiveron en conta a variedade de alimentos que constitúen a base da alimentación, a proporción dos alimentos frescos e de tempada, abundantes nos mercados municipais, así como a condimentación sinxela dos alimentos, moderando o uso de sal e salsas de preparación comercial.

A rede de dinamización comercial de Galicia
A iniciativa presentada hoxe ponse en marcha a través da Oficina Provincial de Comercio de Pontevedra, financiada por Economía e Industria a través dun programa de colaboración coa Deputación provincial, e que forma parte da Rede de Dinamización Comercial de Galicia, Re-Dic. Esta rede conta con 52 puntos de información en toda Galicia, 22 deles en Pontevedra, e foi creada, xunto con iniciativas como a creación do Portal do Comerciante ou as Mesas Locais de Comercio,  para abrir canles de comunicación directas e eficaces entre os comerciantes e a Administración.

Para determinar cales serían os cinco mercados municipais mais idóneos para poñer en marcha este proxecto piloto tivéronse en conta a súa situación actual, as reformas levadas a cabo e a súa localización, considerando tamén de gran importancia as actividades de dinamización comercial levadas a cabo nel. Todos estes aspectos están recollidos no mapa de situación dos mercados municipais da provincia de Pontevedra, elaborado pola Oficina Provincial de Comercio.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar