Guillerme Vázquez presenta ao BNG como «forza útil»

 

   O voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez, reivindicou este mércores que a súa formación é a verdadeira «forza útil» nestas eleccións xerais e alcanzou unha conclusión tras o tempo transcorrido de campaña electoral: «As cousas están moi clariñas, ou BNG ou PP».

 

   Durante a súa intervención nun mitin en Lugo,  Guillerme remarcou que os nacionalistas son a «forza alternativa con opcións de ter representación en Madrid para defender Galicia e un cambio de esquerdas». «A campaña demostrou que se o BNG está, Galicia está; e se o BNG non está, Galicia non está».

   «Está cada día máis claro que o PP só ten medo a unha cousa, a que votedes BNG. Todo o demais non lle importa. Non lle importa a abstención. Non lle importa o voto en branco. O voto nulo. O único voto que lle doe ao PP é o voto ao BNG», reflexionou na cidade da Muralla.

   Deste xeito, no sprint final desta carreira electoral, Guillerme Vázquez observa que «as cousas están moi clariñas: ou BNG ou PP. Non hai máis». «Ou se opta por máis do mesmo, por continuar coa política dos recortes, ou apóstase polo cambio de rumbo galego e de esquerdas que representa o Bloque Nacionalista Galego», sinalou.

   Guillerme Vázquez volveu remarcar que «todo apunta a que o 20-N Cataluña e Euskadi incrementarán a súa representación directa no Parlamento do Estado, terán o mesmo peso político e, polo tanto, situaranse en mellores condicións para saír da crise».

   «Debemos dar máis forza a Galicia en Madrid e iso pasa necesariamente por dar máis forza á representación do BNG. Necesitamos máis Jorqueras, máis Olaias máis Pérez Bouza», arengou o líder nacionalista.

   Pola súa banda, a candidata do BNG por Lugo, María Xosé Veiga, atacou con dureza ao PP por «estar ao servizo de intereses distintos dos da cidadanía», como se demostrou –dixo– ao «negarse a investigar no Parlamento galego as insultantes indemnizacións que levaron os directivos das caixas».

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar