A economía galega, estable no pasado trimestre pero con crecemento nulo no último mes

A economía galega mantívose estable  no terceiro trimestre do ano en relación co segundo, segundo os datos facilitados hoxe polo Instituto Galego de Estatística (IGE). Desta forma, o PIB autonómico mantén un crecemento no último ano do 0,6%, co que Galicia acumula xa seis trimestres consecutivos con taxas interanuais positivas.

No terceiro trimestre de 2011, aachega da demanda en termos nacionais ao crecemento do PIB foi de -2,2 puntos porcentuais, tres décimas superior á contribución do anterior. O gasto en consumo final presenta un descenso do 1,2%, unha décima inferior ao rexistrado no trimestre precedente, mentres que o apartado da formación bruta de capital rexistra un descenso do 4,5%, oito décimas menor ao retroceso observado de abril a xuño. A contribución do sector exterior é de 2,7 puntos porcentuais, descendendo catro décimas con respecto ao trimestre anterior.

O gasto en consumo final dos fogares e institucións sen fins de lucro ao servizo dos fogares decrece un 1,4% no terceiro trimestre, dúas décimas inferior ao descenso que experimentou no trimestre anterior. A debilidade deste agregado reside sobre todo na atonía do mercado de traballo que diminúe a renda dispoñible. Indicadores de consumo que amosan un comportamento similar ao do agregado son as matriculacións de turismos e o índice de vendas de comercio polo miúdo deflactado e corrixido de estacionalidade e calendario, que rexistran neste trimestre un descenso inferior ao do precedente, a taxa interanual das matriculacións pasa dun descenso do 57,3% no segundo trimestre a unha redución do 11,4% no terceiro, e o índice de vendas do comercio polo miúdo mellora unha décima.

O índice de confianza do consumidor tamén presenta neste trimestre unha mellora de dúas décimas respecto do anterior. En cambio, a renda salarial real calculada coa afiliación, o incremento salarial pactado en convenio e o IPC acada un descenso superior ao do segundo trimestre.

No mesmo período, a taxa de crecemento do gasto en consumo final das administracións públicas é unha décima inferior á taxa observada no anterior, quedando no -0,8%.

A formación bruta de capital mostra un ritmo de caída inferior ao do trimestre anterior, descendeu un 4,5%. A maioría dos indicadores rexistran menores descensos que de abril a xuño. Así, as importacións de bens de equipo acadan unha taxa de crecemento positivo logo de cinco trimestres en negativo, a inversión en construción residencial rexistra un menor descenso e a matriculación de vehículos de carga descendeu un 12,8% respecto ao terceiro trimestre de 2010, case vinte puntos menos que no segundo trimestre.

Como xa se comentou anteriormente, no terceiro trimestre a achega da demanda externa neta foi de 2,7 puntos, catro décimas inferior á estimada no anterior. As exportacións presentan un crecemento do 3,8%, e as vendas de bens e servizos a outros países continúan a rexistrar fortes crecementos e compensan a atonía da demanda do resto de España e a caída do  gasto dos non residentes.

Oferta

Dende a perspectiva da oferta, no terceiro trimestre os crecementos interanuais son positivos no sector primario e nos servizos. En sentido contrario, as ramas enerxéticas, industriais e a construción rexistran descensos. As ramas agraria, gandeira e pesqueira presentan un crecemento do 3%. O bo comportamento das actividades agrarias e gandeiras compensan a caída en volume do sector pesqueiro.

As ramas enerxéticas rexistran un decrecemento do 2,5%, 1,1 puntos por debaixo do trimestre anterior. No caso das industrias acádase unha taxa de variación anual inferior en 0,8 puntos á taxa do trimestre anterior, mostrando un rexistro do -3,9%; no índice de produción industrial destas ramas apréciase unha evolución similar.

A taxa de crecemento do sector da construción foi do -2,4%, unha décima inferior ao rexistrado no trimestre anterior. A edificación residencial mellora a taxa interanual do segundo trimestre e compensa a caída tanto da non residencial como da licitación en obra civil.

Por último, neste trimestre o sector dos servizos presenta un crecemento interanual do 1,5%, o que implica un avance igual ao trimestre precedente. Os servizos de mercado minoran unha décima a súa taxa interanual acadando un crecemento do 1,6, mentres que os servizos non de mercado creceron un 1,1%.

Emprego

O emprego, medido en termos de postos de traballo equivalentes a tempo completo, decreceu no terceiro trimestre un 2,5%, o que supuxo un descenso de 27.573 postos de traballo equivalentes nun ano.

 Atendendo ás ramas de actividade, os maiores descensos prodúcense nas da construción, as industrias e nas agraria e pesqueira; os servizos de mercado a as ramas enerxéticas caen ao redor dun 1%. A de servizos non de mercado presenta crecemento positivo.

As actividades agraria e pesqueira mostran un decrecemento interanual do 5,2% no terceiro trimestre, as enerxéticas rexistran unha caída do 0,8%, tres décimas inferior ao descenso do trimestre precedente e as industriais diminuíron un 5,6%. Pola súa banda, a construción acada un decrecemento do 8%.

Os servizos de mercado caen un -1,8% e os de non mercado experimentan unha suba internancual do 1,7%.

Distinguindo por situación profesional, o emprego asalariado, en termos de postos de traballo equivalentes a tempo completo, amosou neste trimestre unha taxa de variación interanual do -2,6%, dato que supón unha diminución de 23.583 postos de traballo asalariados a tempo completo nun ano.

Considerando de forma conxunta o crecemento do PIB trimestral e do emprego, a variación internaual da produtividade aparente do factor traballo sitúase no 3,1%, seis décimas mías que a rexistrada no trimestre anterior.

 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar