150 prazas en actividades creativas de fin de semana para xóvenes

 

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, participou hoxe na inauguración do Circuíto de Creatividade, na que presentou a iniciativa de Estancias Creativas

O programa ‘Estancias creativas para xóvenes’ da Consellería de Traballo e Benestar e enmarcado no Circuíto da Creatividade, ofertará un total de 150 prazas en actividades creativas de fin de semana aos mozos e mozas galegos de entre 18 e 30 anos. O prazo de inscrición prolongarase ata o 20 de xaneiro de 2012.

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, participou hoxe na inauguración do Circuíto de Creatividade,  iniciativa posta en marcha pola Dirección Xeral para dar a coñecer os traballos dos mozos e mozas creadores galegos con actuacións e exposicións itinerantes en Galicia e en  Portugal. Durante este acto, o director presentou tamén esta iniciativa de Estancias Creativas.

Indicou que estas estancias terán lugar no Albergue Xuvenil de Gandarío (Bergondo), na provincia da Coruña, e no Complexo Residencial Xuvenil LUG II (Lugo)  en oito fins de semana, desde o mes de febreiro ata o mes de xuño de 2012.

En cada fin de semana  o número de prazas será de 20, un total de 10 por cada especialidade, (menos unha que terá dez prazas) sendo estas poesía, relato breve, graffiti, banda deseñada, videocreación, webcreación, creación DJ, baile, música, pintura, escultura, teatro, danza e expresión, cartelería e fotografía creativa. Como remate das estancias, no mes de xuño está prevista unha creación multidisciplinar por parte de todos os participantes.

As estancias inclúen aloxamento e manutención e os materiais básicos para a intervención artística e para a realización do traballo artístico. Os participantes terán como monitores de apoio a artistas profesionais, xa consagrados en cada unha das materias.

Os interesados deberán remitir á Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado a súa solicitude xunto co seu proxecto e o seu currículo artístico. Coincidindo co Ano Europeo do Voluntariado, a temática dos proxectos será ‘Arte voluntaria: como facer arte desde o voluntariado’. As obras seleccionadas integrarán o Circuíto de Creatividade.

Circuíto da creatividade
Neste senso, o Centro Coordinador de Información e Documentación Xuvenil  de Santiago de Compostela, acolle ata finais do mes de novembro  unha exposición de artes plásticas e videocreación enmarcada no Circuíto de Creatividade 2011, integrado polas obras  premiadas no Certame Galego de Creadores Novos [edicións de 2009 e 2010], nas súas modalidades de Artes Plásticas, Videoarte e Moda.

Os autores que expoñen os seus traballos en Santiago son Beatriz Suárez Saa, Miguel Cuba Taboada, Sheila Pazos Silva, Rodrigo Currás Torres, Julia Aranda Girón, Pablo Rodríguez Barreiro, Juan Silva Cabral, Marta González Suárez, Sofía Grandío Barrio, Daniel Diéguez, Diego Pintos, Sabela Pernas Soto, Cristina Ferreiro Real e Pablo González Muñiz.

Folleto informativo

Formulario de inscrición

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar