Vigo: Rucalcaba apoia a José Blanco, «compañeiro de fatigas»

O candidato do PSOE á Presidencia do Goberno, Alfredo Pérez Rubalcaba, reiterou este luns en Vigo o seu respaldo público ao ministro de Fomento e cabeza de lista socialista ao Congreso pola provincia de Lugo, José Blanco, a quen se dirixiu como o seu «compañeiro de fatigas de dez anos».

Ante varios miles de persoas no pavillón das Travesas de Vigo, Rubalcaba referiuse ao seu compañeiro, co que compartiu dez anos de traballo. «E os que che quedan», engadiu, ao tempo que cualificou o lucense, como «o mellor ministro de Fomento que tivo Galicia».
Deste modo, Rubalcaba volveu expresar publicamente o seu respaldo a José Blanco, despois de que o titular de Fomento fose vinculado polo empresario lucense Jorge Dorribo na ‘Operación Campión’ que investiga o suposto cobramento irregular de comisións pola concesión de subvencións públicas.
Ao respecto, en diversas ocasións, o candidato socialista á Presidencia do Goberno afirmou publicamente que «si» poría a man no lume por José Blanco, do que asegura que «non fixo nada». Mesmo, nun acto de precampaña en Ourense dirixiuse aos pais do ministro para subliñar: «Tedes un fillo honesto».
RECOÑECEMENTOS
No acto deste luns en Vigo, no que tamén estiveron presentes o ministro de Justicia, Francisco Caamaño; Laura Seara; Elena Espinosa; Carmela Silva e Pachi Vázquez, entre outros cargos do PSOE; o candidato á Presidencia do Goberno tivo palabras de agradecemento para todos eles, así como de recoñecemento aos candidatos.
Sobre Laura Seara –neste mandato secretaria de Estado de Igualdade– afirmou que ocupou un dos cargos «máis importantes» do Goberno; de Carmela Silva, recoñeceu que el mesmo quería que fose candidata –malia as reticencias no seo do PSdeG, pola aplicación do principio ‘un home, un cargo’– ; e sobre Francisco Caamaño, eloxiou o seu labor á fronte do Ministerio de Justicia, e engadiu que é «máis listo que a fame».
O acto de Vigo foi o último mitin de campaña de Rubalcaba en Galicia, que este luns viviu unha xornada maratoniana. Así, comezou na Coruña e, tras varios ‘micro-mitins’ en Betanzos, Oroso e Rianxo, recalou na cidade olívica, onde recordou que, foi precisamente tras un acto nesta urbe, cando decidiu que sería candidato á presidencia do Goberno

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar