Progreso para todos por riba de ideoloxías, reflexiona Feijóo en Arteixo

O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, asegurou que os populares non renuncian a ningún voto de ningún cidadán, nin dos que se senten de esquerdas, nin de centro, nin de dereitas, nin de aqueles que se senten apolíticos, porque a súa vocación é a de gobernar para todos.

Así se expresaba o líder do PPdeG nun mitin en Arteixo, onde engadía que para os populares, por enriba das ideoloxías, ten que estar o progreso común e o interese xeral, e por enriba da desafección política, ten que haber unha xestión responsable que repercuta nun maior benestar para todos os cidadáns.

Así, se a obsesión do PSOE e o BNG é agora abanear a bandeira da ideoloxía que lle convén, a bandeira dos tópicos xa superados para ver se cola e deixamos de falar do que está pasado, a dos populares é facer as cousas ben e a súa bandeira é a de cada concello, a de Galicia e a de España. Así é onde gobernan e así debe ser desde o Goberno de España, como afirmou o dirixente popular.

Así mesmo, Feijóo engadiu que o PP constitúe a recuperación da confianza nunha institución tan necesaria como o Goberno de España e supón o cambio real, necesario e eficaz

Como insistiu o líder do PPdeG, os populares son o cambio ante a política que nos trouxo ata aquí; ante a improvisación e a frivolidade; ante a xestión errónea e ante un goberno que disgustou ata aos socialistas.

Por outra banda, o dirixente popular indicou que o próximo domingo, nos colexios electorais, serán moitas as papeletas que alí se poderán encontrar, pero para o luns só hai dúas posibilidades reais: ou continuar por este mal camiño ou o cambio que representa o Partido Popular.

Nesta liña, Feijóo lembrou que cada voto que estas eleccións non vaia para o Partido Popular significará máis Zapatero na Moncloa, se chame como se queira chamar agora, e supón tamén máis improvisación e frivolidade; máis políticas erráticas e erradas que suman máis paro; máis déficit e máis lonxe a recuperación. Como indicou, España non está para perder máis o tempo e tampouco está para seguir perdendo máis diñeiro.

FACER AS COUSAS BEN
Segundo o líder do PPdeG, o que se propoñen os populares é facer as cousas ben, adoitar todas as medidas de responsabilidade económica que se precisan para restablecer a confianza interna e externa neste país, ser austeros para que o Goberno gaste menos en si mesmo e máis nos cidadáns; é sanear as contas públicas, investir o que máximo que se pode investir, pero non gastar o que non se ten e pagar o que se debe; ter unha boa política económica para que poida haber unha boa política social; apoiar aos emprendedores, dar respaldo ás súas ideas porque as súas ideas, cun Goberno que as apoia, son emprego; e promover un sistema educativo máis completo pero tamén máis esixente, porque cremos na capacidade dos nosos cidadáns.

Trátase, por tanto, de facer o contrario ao que ten feito o PSOE durante todos estes anos, coa complicidade interesada do BNG.

Como recordou o dirixente popular, non é o Partido Popular o que cada vez que ten gobernado ten deixado en herdanza unha dun 22% de paro; nin o que ten feito de España un país de desigualdades, con 5 millóns de parados; ten introducido o copago nas pensións públicas; ou o que ten aprobado a reforma laboral máis prexudicial posible para os traballadores e negativa para as empresas. En cambio, si é o que reduciu a taxa de paro á metade e liderou a política que levou a España a crear máis emprego que en Europa; o que ten garantido as pensións non retributivas; o que ten acadado unha vintena de acordos cos sindicatos e os empresarios no diálogo social en Galicia.

Da mesma maneira, Feijóo lembrou que non é o PP o que ten defendido os intereses das multinacionais farmacéuticas e tentado que se incrementara o seu beneficio; o que ten subido os recibos da luz e o gas; o que aprobou unha Lei eólica cun canon para que as empresas pagaran aos concellos polo monte do todos e unha blindaxe para que as empresas se comprometeran co interese xeral e o país; ou o que ten defendido un modelo de ensinanza no que unha lingua se impón sobre a outra.

O PP é o partido que ten querido buscar o aforro nos beneficios das empresas que máis teñen para poder construír novos hospitais públicos e centros de saúde; o que ten defendido unha educación pública con máis inglés, máis tecnoloxía que nunca nas aulas e equilibrio entre as linguas e liberdade para empregalas; o Partido Popular o que agora precisa intentar arranxar nun día a ausencia do Goberno en Galicia durante catro anos.

O PP é, ademais, o que está comprometido con Galicia, porque naceu en Galicia e porque ofrece a todos os españois un Presidente que naceu, vive e sente Galicia.
CADA VEZ MÁIS PRETO
Segundo o dirixente popular, os populares están cada vez máis preto de iniciar unha nova etapa política neste país, de devolver a este país a confianza que precisamos dentro e a que merecemos fóra e de comezar un novo camiño de eficiencia, rigor e responsabilidade, formando un gran goberno de concentración cos cidadáns.

Neste sentido, amosouse seguro de que o PP vaino acadar e por iso pediu aos alí presentes un impulso para que España non siga retrocedendo, para abandonar as políticas que nos trouxeron ata aquí, para saír da mentira económica que nos ten lastrado durante tres anos e para impulsar unha recuperación. E ese ultimo impulso é o voto para que, entre todos, empecemos a nova etapa que España precisa e merece

Feijóo afirmou que o 20 de novembro pode e debe ser o impulso que precisa España. Debe ser, por tanto, o impulso a unha política económica que arranxe os problemas dos españois e non sexa un dos grandes problemas dos europeos; á coordinación e á colaboración entre o Goberno e as Comunidades para que Galicia poida ser unha terra con máis oportunidades e máis posibilidades; a políticas de austeridade, disciplina orzamentaria e planificación que xamais haberá que abandonar; a unha política de investimento que xere emprego e non a unha política de gasto que soamente xere déficit e máis gastos engadidos; aos emprendedores para que os seus proxectos poidan ter perspectivas certas.

E ten que ser, tamén, un impulso á mocidade para que non perdamos a xeración de mañá, traballando só para arranxar os erros de hoxe; aos servizos públicos, cunha xestión que asegure a súa viabilidade e á unidade, o compromiso e a responsabilidade.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar