O sector eólico amplía plantillas

O concurso eólico abre a posibilidade a empresas relacionadas co sector, como a fábrica Vestas Iberia, dobrar a súa plantilla en Galicia, pasando de 1.000 a 2.000 empregos.

Durante unha visita ás instalacións da fábrica, en Viveiro, o presidente da Xunta, Alberto Nüñez Feijóo, subliñou que, unha vez que se poña en marcha os pedidos como consecuencia da adxudicación do concurso eólico, esta compañía, “clave desde o punto de vista da tecnoloxía e da competitividade dos produtos eólicos, pasará de 500 empregos directos a 1.000 e de 500 empregos indirectos a 1.000 indirectos”. “A posibilidade de dobrar unha plantilla nunha compañía estratéxica, nunha compañía de innovación e tecnolóxica, en Galicia, é unha mensaxe de realismo e de optimismo”, aseverou.

O presidente do Goberno galego afirmou que o concurso eólico segue os prazos comprometidos, “este macroconcurso de 2.300 megavatios –dixo- segue o ritmo previsto pola Lei eólica aprobada no Parlamento”; e reiterou que Galicia, desde o punto de vista da súa economía, ten claro que a enerxía segue sendo unha peza clave do despregamento económico e unha das pezas clave para saír da crise económica na comunidade. “A enerxía hidroeléctrica, repotenciando encoros e presas, sen facer novos diques nos cauces dos ríos pero si autorizando a repotenciación dos embalses tradicionais; a enerxía combinada de carbón e de gas e, en terceiro lugar, a aposta polo sector eólico”, salientou.

Feijóo lembrou que ao concurso eólico “lle dimos seguridade xurídica, é dicir, unha lei aprobada no Parlamento galego; en segundo lugar, o canon eólico supuxo 60 millóns de euros que foron directamente á Xunta e aos concellos onde radican os parques eólicos galegos. E, en terceiro lugar, a actuación estrela deste Goberno, xunto coa seguridade xurídica –unha lei- e xunto co canon eólico –facilidade para as facendas locais- é a adxudicación eólica. Seguimos mantendo o compromiso de 14.000 postos de traballo e 6.000 millóns de investimento”.

O titular do Executivo autonómico afirmou que só falta que a inseguridade xurídica do Decreto do Goberno de España desapareza, “que haxa unha nova legalidade, un novo decreto para dar certeza desde o punto de vista financeiro, tarifario.” “Esperemos –aseverou- que o próximo Goberno que saia das urnas concrete o decreto que regule no futuro a enerxía eólica de tal xeito como viña sendo regulado ata o de agora dando seguridade e estabilidade a este sector eólico, clave para España e para Galicia”.

“Esa certeza traerá, sen dúbida máis plantilla, máis emprego, máis actividade económica a esta empresa que ten en Galicia tres puntos de emprego -Viveiro, O Porriño e Bergondo- e que, ademais, utiliza os portos de Marín e de Vigo para, desde aquí, sacar toda a tecnoloxía, neste momento, para EEUU e Brasil e espero que tamén, a partir de 2013, para o consumo local, é dicir, para poñer en marcha os 2.300 megavatios adxudicados pola Xunta”, concluíu.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar