Concurso: Felicite o Nadal en galego

Imaxe da presentación que levou o primeiro premio na edición de 2010

Política Lingüística anima a felicitar o Nadal en galego a través dun concurso de presentacións electrónicas

O obxectivo desta iniciativa é fomentar a presenza da lingua galega na comunicación propia destas datas e tamén no ámbito das tecnoloxías

O prazo para a admisión das propostas remata o día 9 de decembro

A Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca un concurso de presentacións electrónicas para felicitar o Nadal en lingua galega. Logo da ampla participación acadada na primeira edición da iniciativa, en 2010, con máis dun cento de propostas recibidas, a secretaría xeral pon de novo en marcha este concurso, co que busca promover a presenza do galego na comunicación propia das festas de Nadal e tamén no ámbito das tecnoloxías.

Os traballos que participen no concurso deben facer referencia a un tema vinculado con estas datas, para felicitar o Aninovo, o Día de Reis ou as festas de Nadal en xeral. Ademais do tema, valorarase o enxeño e o coidado estético e lingüístico das propostas. A extensión máxima das presentacións é de 10 diapositivas e o peso non deberá exceder os 10 Mb, para favorecer o seu envío por medios electrónicos comúns.

O xurado, formado por persoal técnico da Secretaría Xeral de Política Lingüística e polo gañador do primeiro premio da edición anterior, escollerá as tres mellores presentacións, que recibirán cadanseu lote de produtos de lecer en galego. Xunto cos gañadores, os traballos preseleccionados formarán parte dunha galería de presentacións que estará dispoñible no espazo web da secretaría xeral (www.xunta.es/linguagalega).

O prazo para participar remata o 9 de decembro

O concurso de presentacións electrónicas está aberto a toda a cidadanía. Para participar, cómpre enviar os traballos a calquera dos seguintes enderezos electrónicos: secretaria.xeral.politica.linguistica.web@xunta.es ou sxpl.secretaria@xunta.es. O prazo de admisión das propostas remata o 9 de decembro de 2011 e o xurado dará a coñecer a súa decisión antes do día 20 dese mes.

As bases do concurso de presentacións de Nadal deste ano e os traballos premiados e seleccionados da primeira edición están accesibles no web da secretaria xeral, en http://www.xunta.es/linguagalega/concurso_de_presentacions_electronicas_de_nadal

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar