Interior despregará sete mil policías o 20-N en Galicia

A Delegación do Goberno en Galicia despregará un dispositivo formado por un total de 6.997 membros dos Corpos e Forzas de Seguridade para garantir o correcto desenvolvemento da xornada electoral do 20 de novembro.
A través dun comunicado, o Goberno central detallou que este dispositivo extraordinario estará integrado por 2.313 axentes da Policía Nacional; 3.970 axentes da Garda Civil e 714 policías locais.
Así mesmo, a Delegación do Goberno despregará o día dos comicios a 2.764 representantes da administración, que serán os encargados de transmitir os datos, vía telefónica ou electrónica, ao Centro de Recollida de Información establecido en Madrid.
Para iso, tanto na Delegación coma en cada unha das catro subdelegacions estableceranse unidades de seguimento que verificarán o desenvolvemento correcto do proceso electoral e de transmisión de información.
Segundo engadiu a delegación do Executivo estatal en Galicia, a transmisión vía PDA ou electrónica ampliarase respecto á anterior convocatoria electoral de maio deste ano, e cubrirá todos os colexios que teñan dous ou máis mesas electorais. Pois, como recordou, se habilitarán un total de 766 colexios en toda Galicia, 102 máis que nas eleccións locais.
Ademais, en Galicia constituiranse un total de 4.037 mesas electorais repartidas polas catro provincias, de maneira que haberá 1.569 na Coruña; 1.344 en Pontevedra; 564 en Lugo; e 560 en Ourense.
Dende o punto de vista da loxística, distribuiranse 8.579 urnas e 3.831 cabinas para garantir o voto secreto. Ademais, 36.423 persoas foron seleccionadas para ser membros dalgunha mesa, das que 12.141 son membros titulares e o resto, suplentes.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar