Guillerme Vázquez acusa ó PP de «disfrazarse»

O voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez, advertiu este venres de que a «dereita fai a campaña disfrazada» e desvelou que «formará goberno con siglas, as siglas da CEOE (Confederación Española de Organizacións Empresariais), do BCE (Banco Central Europeo), do FMI (Fondo Monetario Internacional): as siglas dos recortes, das vacacións fiscais para os ricos. As siglas das axudas sen control á banca. A siglas da dereita de toda a vida».

«Quere dar a imaxe de que vai gobernar para todos», alertou, e autocontestouse: «Falso». Así, tal e como recolle un comunicado do BNG, Guillerme Vázquez augurou, nun mitin en Vilagarcía de Arousa, que o goberno do PP «gobernará para coidar os intereses dunha minoría de privilexiados», que o Partido Popular «si gobernará con siglas».

Así mesmo, referiuse ás declaracións do candidato do Partido Popular á Moncloa, Mariano Rajoy, ao respecto de que cun hipotético goberno do PP, o Estado español «se porá á cabeza do euro». «¡Fai falta ter valor!», manifestou Guillerme Vázquez, quen rebateu as súas palabras avisando de que «máis ben está á cabeza do paro e á cabeza da fraude fiscal no conxunto da Unión Europea».

«¿Por que vai cambiar a cousa cun goberno de Rajoy se as súas propostas en política económica son basicamente continuistas?», preguntouse Guillerme Vázquez, quen augurou que «coas políticas que propón Rajoy, as de recortes que pactou co PSOE ao reformar a Constitución sen referendo, se seguirán liderando os ránkings máis negativos da UE».

Así, cando se cumpre o ecuador da campaña electoral, Guillerme Vázquez asegurou que «se pon en evidencia» que a elección o 20-N hai que facela «entre o continuismo dos recortes» ou «o cambio real, galego e de esquerdas que representa o BNG».

«Ou continuamos pola pendente, con políticas que traerán máis paro e máis crise, ou cambiamos de guión e apostamos con clareza por outras políticas, polo protagonismo do sector público na economía, por reformas fiscais que fagan que os ricos si paguen impostos, por impulsar os sectores produtivos, por unha política económica que poña o acento na creación de emprego e non nas burbullas especulativas», remachou.

«SÓ CO BNG, PRESENZA DE GALICIA»
Pola súa banda, a cabeza de lista do BNG por Pontevedra, Olaia Fernández Davila, reivindicou o traballo realizado nas Cortes, posto que «só dende que chegaron os nacionalistas ao Congreso o país tivo a presenza na axenda estatal, no foro que tantas decisións se toman que afectan directamente» aos galegos.

«O BNG é a única garantía de que Galicia estea sempre: co BNG, Galicia está. O voto útil é o voto ao BNG, porque é o voto que dá forza a Galicia en Madrid», remachou Olaia Fernández Davila.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar