Feijóo manifesta que «en toda España hai acordo polo cambio»

O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, constatou que “en toda España están de acordo en algo: é preciso un cambio de Goberno”.

Deste xeito se expresaba o líder do PPdeG nun mitin en Sarria, recén chegado de Andalucía, onde estivo facendo campaña a favor de Rajoy, ao igual que fixo anteriormente en Cataluña. Con respecto a isto, Feijóo asegurou que en tódolos lugares os cidadáns están de acordo na necesidade do cambio e engadiu que iso non o vai resolver todo de xeito instantáneo pero sen cambio é imposible que se acade.

Así, Feijóo afirmou que non será sinxelo terminar coa crise pero ese camiño hai que empezalo rematando co descontrol das contas públicas; co malgasto e a ausencia de criterio á hora de empregar os fondos públicos; coa improvisación e a ausencia de planificación; coa frivolidade como libro de estilo de goberno; coas incoherencias e as contradicións; coa irresponsabilidade contable que pon en cuestión a sostibilidade de prestacións que son imprescindibles; e empezalo terminando coa política que nos trouxo ata aquí.

Nesta liña, Feijóo lembrou que agora temos ese primeiro paso aí ao lado, a 10 días: cambiar de Goberno e é o Partido Popular o único que pode proporcionar ese cambio necesario porque ademais é o único que defende uns principios comúns e beneficiosos para todos os españois, vivan onde vivan.

Como apuntou o líder do PPdeG, ese primeiro paso non só esta preto no tempo, senón tamen no espazo, xa que está en Galicia, coas políticas de responsabilidade económica, equilibrio, planificación e eficiencia que, con todos os obstáculos do Goberno, se puideron facer na Comunidade.

E está en Galicia, como indicou, na xente, nun partido que naceu nesta terra e quixo estender a toda España o sentido común dos galegos e nun galego que pode chegar a ser o Presidente: Mariano Rajoy.

Por outra banda, Feijóo tamén advertiu que canto máis preto estea o cambio máis elevará a ton o PSOE, coa fin de intentar desacreditar ao PP, porque nada os desacredita máis a eles que comprobar que hai unha política alternativa ao seu desastre. E tamén elevarán a ton para ver se caemos nas discusións absurdas que plantexan; con insinuacións e topicazos esquerda-dereita doutro século e para tentar que non se escoite o que eles fixeron antes.

Non obstante, o líder do PPdeG afirmou que por máis que eleven o ton e queiran chamar a atención xa perderon a oportunidade de que se lles escoite. España xa non os cre, xa non cola.

Con respecto a isto, Feijóo tamén indicou que mentres a pretensión única do Partido Socialista é tentar acabar coa lóxica imaxe que o relaciona con Zapatero, a do Partido Popular é tentar acabar coas consecuencias que ten xerado o Goberno de Zapatero.

Así, mentres eles queren tapar a Zapatero os populares queren tapar con emprego os 5 millóns de cidadáns sen emprego que deixa en herdanza; os buratos económicos que deixan e as carencias que deixaron ao descuberto e fixeron de España un país máis feble ante as dificultades.

Como lembrou Feijóo, os socialistas comezaron a lexislatura ocultando a crise, falando de desaceleración, dun impacto menor, da Champions League da economía e de que a recuperación sería ao mes seguinte, alegando incluso que os parados eran “traballadores que se formaban por España” e non rectificaron durante dous anos senón que actuaron en consecuencia, gastando o que non se tiña.

Empezaron a lexislatura ocultando a situación real das nosas contas pero non lles pareceu suficiente e agora engaden un remate do mesmo xeito: ocultando a situación real na que está España.

Así, como apuntou Feijóo, as autoridades internacionais din que as previsións económicas de España son falsas e que non imos cumprir cos obxectivos de déficit. Volveron, por tanto, a enganarnos coa situación económica do noso país e é intolerable

Nesta liña, o dirixente popular sentenciou que é intolerable este Goberno capicúa que termina igual que empezou: cunha grande mentira económica

Segundo Feijóo, deste goberno non obtivemos milagres; pero tampouco esforzo nin compromiso; nin obtivemos solucións, pero tampouco verdades. O que realmente necesita España, por tanto, é dun Goberno que dunha vez por todas diga a verdade á xente para que dunha vez por todas se enfronte á realidade.

Xa sabemos que hai un Goberno do que xa non se pode esperar nada de isto. Pero hai unha alternativa, que é a do PP, que coñece os erros que se produciron estes anos para que non se volvan repetir, e quere contar con toda a xente, á que hai que falarlle de cara e dicirlle as cousas tal e como son.

Con respecto a isto, Feijóo asegurou que todos os desempregados, os pensionistas, os traballadores dos sectores productivos e os galegos poden esperar algo máis desta alternativa que a resignación, falsos anuncios, conformismo, discriminación e incumprimentos.

Segundo o líder do PPdeG, os populares contan cun programa de equilibrio e igualdade entre todos os cidadáns e son conscientes de que España non será equilibrada, igualitaria e competitiva ata que non se cumpran os compromisos pendentes cos cidadáns.

Nesta liña, afirmou que non hai razóns para quedar na casa o 20 de novembro porque non hai razón máis poderosa que a necesidade de cambio que ten este país.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar