Carballo: Guillerme Vázquez califica de «suicida» o vía dos recortes

«Creo que a experiencia destes dous anos e medio de crise nos demostra sobradamente que sería suicida continuar pola vía dos recortes». Así o advertiu este xoves o voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez, nun mitin no que tamén chamou a atención sobre a necesidade de «cambiar o rumbo» das políticas fronte ao «continuismo dos recortes» e no cal propuxo que, «postos a aforrar», que se faga nas partidas destinadas á Casa Real.

 

«Ou o continuismo dos recortes, ou o cambio de rumbo. Ou continuar pola vía do axuste duro do gasto público, ou cambiar a orientación das políticas públicas para poñer o acento na creación de emprego e na reactivación da economía. Ou PP ou BNG. Ou ir aínda máis á dereita ou concentrar o voto galego e de esquerdas no Bloque Nacionalista Galego», formulou o líder nacionalista na súa intervención na localidade coruñesa de Carballo.

Guillerme Vázquez sinalou que os recortes non só «prexudican aos máis débiles, senón que tamén deprimen a economía e o consumo» e, polo tanto, «atrasan a saída da crise». «Hai que volver poñer o acento na economía produtiva. Hai que volver poñer o acento no gasto público. Se os particulares e as empresas privadas non gastan, como imos reactivar o consumo?», reflexionou o dirixente nacionalista.

Así as cousas, recordou que a crise ten como orixe unha ideoloxía neoliberal, que coloca a economía fóra de control da política, da intervención dos poderes democráticos». «Todo comezou con Reagan, outra R, por certo», ironizou en referencia a Rubalcaba e Rajoy.

Desta forma, e tras pedir «protagonismo» para o sector público, reforma fiscal integral, redución dos gastos burocráticos, impulso aos servizos sociais; reclamou inversión produtiva e aforro no superfluo.

«A eficiencia non está en reducir por reducir. A eficiencia está en gastar no necesario e aforrar no superfluo. E postos a aforrar, dende o BNG, propoñemos aforrar na asignación do Estado á Casa Real», suxeriu e agregou: «Hai algúns que dende están a vivir por enriba das súas posibilidades. O señor Urdangarin é claramente un deles».

«GALICIA VOZ CO BNG»
Pola súa banda, o número 1 do BNG pola Coruña, Francisco Jorquera, subliñou que Galicia «ten voz en Madrid a través do BNG, porque cantos asuntos afectaron a Galicia, foron tratados no Congreso por medio» dos nacionalistas. Ademais, recordou propostas como unha «reforma fiscal equitativa» para que «paguen máis os que máis teñen», persecución da fraude fiscal, converter o ICO nunha banca pública ou apoiar os sectores produtivos.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar