Que Madrid «tome en serio» ó sector naval

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, fixo hoxe un chamamento ao Goberno central para que “tome en serio o sector naval”, do que dependen 15.000 empregos directos en Galicia, e asegurou que o Executivo autonómico continuará a traballar “con rigor e honestidade” para desbloquear a situación creada tras a supresión do sistema de bonificacións ‘tax lease’.

Na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, ratificou o compromiso do Goberno galego co sector naval, que o levou a actuar “suplindo as carencias e suplindo apoios financeiros que viñan sendo habituais por parte da Administración central”. Concretamente, Feijóo apuntou que o Executivo autonómico achegou 80 millóns de euros en avais e axudas ao naval, de tal xeito que, enfatizou, “todas as posibilidades financeiras, económicas e legais están activadas” por parte da Xunta, logo dun traballo co sector “semana a semana e mes a mes para solventar problemas de avais, problemas de axudas, problemas de subvencións e problemas legais”.

Fronte a isto, o presidente galego resaltou que a Xunta constatou “a indiferencia do Goberno central”, pola súa “falta de proposta e de resposta” ao bloqueo do tax lease por parte das autoridades europeas en materia de competencia. A ese respecto, relatou que o Executivo español lle remitiu á Unión Europea un documento cunha proposta que “non supuña unha modificación substancial” con respecto ao tax lease paralizado, e sobre o que, ademais, non informaron a Galicia “en ningún momento”, pese a que o galego representa o 60% do sector naval español. Foi así, dixo, “a pesar de que Galicia si propuxo un documento concreto que se diferenciaba do documento do Goberno de España e sobre o que non tivemos nin resposta”.

O titular da Xunta apuntou que “como era previsible” a Comisión Europea rexeitou o documento español, o que trouxo como consecuencia que “levemos perdidos máis de 7 meses nos que non conseguimos nin contratar barcos nin novos pedidos e en que temos en discusión mesmo os barcos xa entregados aos distintos armadores”.

Pese a todo, Alberto Núñez Feijóo asegurou que “non nos imos dar por vencidos e imos seguir traballando”, porque “non podemos comprometer o futuro dun sector que é clave na economía galega desde hai séculos”.

Adveritu de que o naval galego ten sobre si “todas as incertezas posibles”, que afectan
“aos contratos que están por asinar, aos pedidos que se están formalizando e mesmo aos barcos xa entregados”. “Nunca vin unha cousa de tanta importancia e unha incerteza tan grande sobre un sector e unha indolencia tan constante dun Goberno, como se o sector naval galego non fose unha parte importantísima do sector naval español”, afirmou.

Nas súas declaracións resaltou que a Xunta de Galicia puxo sobre a mesa do Ministerio de Industria propostas de acordo ao modelo francés dado a coñecer polo comisario da Competencia. En consecuencia, asegurou que neste momento existe unha proposta lexislativa para modificar o imposto de sociedades de forma urxente para volver outra vez á seguridade xurídica do sector naval.

Á disposición do Goberno para traballar
O presidente da Xunta reclamou que o período electoral “non supoña unha desculpa” para deixar de solucionar este asunto, porque “hai 15.000 traballadores detrás que non entenden de períodos electorais nin de programas electorais nin de disputas electorais”. Así mesmo, manifestou que o Goberno galego está á disposición do Goberno de España “con documentos, con textos, con estudos xurídicos que posibilitarían xa desbloquear os problemas que temos no eido do sector naval”.

“Estamos dispostos a traballar, o fixemos con rigor e con honestidade e o seguiremos co mesmo rigor e coa mesma honestidade”, reiterou Feijóo, xa que “ou obtemos unha solución rápida ou nos xogamos o sector para sempre”. “Volvemos reiterar, a supervivencia do sector non admite máis demoras e polo tanto a indolencia coa que se trata o sector naval é impropia nun momento de crise económica sobre todo”, subliñou.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar