Guillerme Vázquez critica en Viveiro «as políticas de recortes»

 
  O voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez, advertiu este martes de que «as políticas de recortes non dan máis de si». «Ninguén con dous dedos de fronte pode ignorar que son políticos que só conducen a máis paro e máis crise. Hai dous anos aínda se podía discutir o seu resultado, hoxe está máis claro que a auga que non levan a ningunha parte», proclamou.

   Na súa intervención nun mitin na localidade lucense de Viveiro, o líder nacionalista indicou que as políticas de recortes «son responsables da crise máis graves que se viviron en décadas, unha crise que ou se cambia de rumbo ou fará que a de 1929 pareza unha anécdota».

   Ao seu xuízo, «imponse unha viraxe». «O 20-N hai que ir a votar pensando en Galicia e nos intereses das maiorías sociais. As políticas de recortes só son beneficiosas para unha minoría de privilexiados. A maioría sae perdendo con elas», reflexionou Guillerme Vázquez.

   «Por iso non quixeron convocar un referendo para aprobar a reforma da Constitución. Por iso botaron a tremer cando Grecia amagou con consultar ao pobo. Porque saben que esas políticas non é que sexan impopulares, é que son antipopulares», manifestou o voceiro do BNG.

 

   Deste xeito, Guillerme Vázquez subliñou que, ante as políticas «fracasadas da R –de Rajoy e Rubalcaba–, a única alternativa en Galicia é o Bloque por galego e por esquerda». «Galicia cae a cachos como consecuencia das políticas de recortes que practican tanto o PP dende a Xunta como o PSOE dende o Estado, sentenciou.

DAVILA E JORQUERA

   Pola súa parte, a cabeza de lista do BNG ao Congreso por Pontevedra, Olaia Fernández Davila, pediu o voto para o BNG para «frear á dereita e ao modelo bipartidista e recentralizador» que, ao seu xuízo, intentan impoñer os grandes partidos. De feito, estimou que se para algo serviu o debate entre os candidatos popular e socialista, Mariano Rajoy e Alfredo Pérez Rubalcaba, é para evidenciar que «Galicia non existe» para estas dúas formacións políticas.

   Pola súa banda, nun mitin no barrio coruñés do Castrillón, Fraancisco Jorquera ironizou co «famoso cara a cara» sinalando que «cumpriuse o guión previsible: Rubalcaba prometendo cousas que non fixo durante a lexislatura e Rajoy escondendo as súas propostas programáticas que nada bo auguran».

   Neste sentido, o candidato do BNG puxo de manifesto que este tipo de debates «contribúen a acentuar aínda máis o bipartidismo, un bipartidismo que empobrece a vida política e que resta calidade á democracia».

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar