Feijóo ós empresarios: compromiso cos investimentos nun marco de austeridade

 O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou, este mediodía, no acto de clausura do XXX Aniversario da Confederación de Empresarios de Galicia: Claves para a recuperación económica, que as solucións á crise non se poden aprazar e propuxo o modelo de Galicia, baseado na austeridade, nas contas saneadas e no dobre compromiso cos servizos públicos e cos investimentos.

Feijóo explicou que a comunidade pode ofrecer, un estilo baseado na austeridade. “Se a lexislatura pasada se mantivo na crenza de que a labor das administracións era incrementar sen ingresos o gasto público e se aumentou, por exemplo, máis de 15.000 novas nóminas públicas en catro anos; agora, Galicia pretende demostrar que se debe e se pode conter o gasto corrente con, por exemplo, a metade dos altos cargos, con menos administración periférica, con menos administración paralela -2 de cada 3 organismos públicos da administración paralela ou se fusionaron ou se extinguiron-, con menos coches oficiais, con menos gastos superfluos, en definitiva”.

E Galicia pode, tamén, ofrecer un estilo baseado na contención do déficit. Deste xeito, Feijóo lembrou que lonxe de querer ser un socio molesto para “o club europeo”, Galicia se esforza por respectar as normas deste club. “Por iso, -dixo- nos axustamos ao equilibrio presupostario; e é a primeira vez, nos últimos anos, no que a débeda galega se sitúa por debaixo da media nacional e está moi lonxe do valor absoluto de España: 12% do PIB galego, 70% é a débeda do reino de España sobre o PIB español”.

Así mesmo, o responsable do Executivo autonómico afirmou que, “por fortuna”, España empeza a xeneralizar as medidas de control e asumiu a fixación dun teito de gasto; “un teito que Galicia –resaltou- aprobou e fixo efectivo nos presupostos para o ano que ven antes, incluso, de que se aprobase a reforma constitucional”.

Blindar os servizos públicos esenciais e que a crise non paralice a inversión pública
Conter o gasto corrente e garantir as contas públicas saneadas está permitindo, segundo Feijóo, poder dar resposta a dúas prioridades: blindar os servizos públicos esenciais e que a crise non paralice a inversión pública. Neste sentido, subliñou que, a pesar da crise económica, Galicia está facendo un esforzo considerable avalado por cifras: “a Xunta ten licitado 3.000 millóns de euros desde que comezou a lexislatura, contía superior á licitada pola anterior administración no mesmo período e en plena confianza e bonanza económica. E o fixemos facendo un intenso exercicio de priorización, onde primamos as inversións tecnolóxicas, as inversións hospitalarias e sanitarias, as inversións xudiciais, as inversións hidráulicas e as infraestruturas viarias”.

Diante deste panorama, Feijóo afirmou que “Galicia, hoxe, desde a humildade, pode ofrecer ao resto dos españois un estilo autonómico baseado no sentido común e no anhelo de unir á sociedade en torno a obxectivos comúns”; e destacou, amais, que se, hoxe, podemos mirar cara atrás coa satisfacción de transformar a nosa terra, en boa medida se debe “aos que invisten, aos que crean traballo”.

O titular da Xunta quixo converter a súa intervención, nunha homenaxe a todos os emprendedores galegos, xa que “se a Galicia de 2011 se parece pouco á de 1981, -reiterou- se debe ao traballo dos homes anónimos e coñecidos que creron nun país incipiente e entenderon que era crucial o papel a desempeñar polos empresarios”.

Feijóo lembrou que atrás queda o moito que custaba, en certos ambientes sociais, a idea de que unha sociedade sen emprendedores é unha sociedade condenada á mediocridade económica e precisou que, durante este tempo, non só floreceron iniciativas de todo tipo para crear postos de traballo; “non só se consolidaron estirpes familiares; non só se configuraron grupos potentes e non só tivo lugar a gran proxección exterior das nosas empresas. Tamén se ofreceu ao conxunto da sociedade un exemplo. Todas as sociedades precisan de puntos de referencia nas diferentes facetas da actividade humana: na arte, na literatura, na política e tamén no empresariado. Galicia tívoos e tenos”.

Superadas as mistificadoras teorías sobre a invalidez empresarial de Galicia, o presidente da Xunta afirmou que os galegos puideron congratularse de contar con emprendedores que ampliaban sen cesar o radio de acción da galeguidade. E amosouse convencido de que un dos factores que fixeron posible o afianzamento do autogoberno foi a existencia de “proxectos, de emprendedores; é dicir, de ideas, de audacia e de decisión e, ademais, de aqueles que poñen en práctica a audacia, as ideas e as decisións, que son os traballadores”.

Para Feijóo, os acordos de todo tipo que se estableceron entre a Confederación de Empresarios de Galicia e o Goberno galego, fundamentalmente para profundar na internacionalización da nosa economía, dan fe de que o autogoberno non foi nunca un obstáculo, senón un aliciente para que se poda crear emprego.

O presidente autonómico resaltou a necesidade de destacar este feito, nun momento no que existe unha certa desconfianza cara ao modelo territorial que representa a España das autonomías. E aseverou que non se pode confundir a idoneidade dun determinado esquema de distribución do poder, coa xestión concreta que se realiza del. “O réxime autonómico non é responsable do funcionamento pouco eficiente dalgúns gobernos autonómicos ou das tensións políticas xeradas nalgunhas comunidades. Xunto a eses malos exemplos, hai outros moitos de políticas rigorosas que, en ocasións, serviron de modelo para medidas aplicadas no conxunto de España”.

Feijóo cualificou positivamente o feito de que este acto aniversario da CEG vaia máis aló dun acto festivo e aporte ideas sobre a reforma laboral, o sistema financeiro, a Unión Europea ou a interacción coas empresas portuguesas. “A gran lección que aprendemos nestes trinta anos é que son fatais a pasividade, a resignación, o conformismo, o esperar a que as solucións veñan prefabricadas e moito menos o aprazar as solucións inaprazables”, concluíu.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar