Feijóo defende a utilidade da cultura “nos momentos de turbulencia”

 

 

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, considerou, esta mañá, a cultura como un “recurso imprescindible” para rexurdir, “atopar novas enerxías vitais para loitar contra a adversidade, novos valores para afrontar novos retos”. “Sería un erro inconmensurable considerar que a actividade cultural é secundaria nos momentos de turbulencia. A cultura se converte hoxe na mellor medida contra a crise, no mecanismo que mellor ataca a depresión anímica que atenaza aos pobos”.

Feijóo aproveitou, así, o acto de apertura do I Foro Internacional de Espazos para a Cultura, para reivindicar o papel desta “nun mundo globalizado, tamén, pola crise” e resaltou que a historia de Galicia é a demostración de que a cultura nunca é superflua.

O responsable do Goberno galego lembrou que cando Galicia sufriu “miserias e desesperanzas” e se viu obrigada a dispersarse nunha emigración “épica e tráxica”, os seus habitantes, “tanto os que permanecían na terra orixinal como os da diáspora”, resistiron atopando na cultura o punto de apoio fundamental para a supervivencia. “Cando carecían de institucións capaces de arroupalo, de estruturas políticas e económicas que mantivesen as súas constantes vitais atoparon respaldo na cultura. A cultura fixo posible que ese país ubicado entre o novo mundo e o vello, se levantara e seguira camiñando”.

Para o titular da Xunta, este feito foi posible pola insistencia dos galegos en concibir a súa cultura como unha ventá aberta e non como unha cela pechada. “Este nunca foi un pobo –dixo- que fixera dos seus valores culturais unha muralla para illarse do exterior. O propio Camiño de Santiago, que anticipa a idea dunhas Nacións Unidas, é a proba da aversión galaica ás fronteiras estritas. Os peregrinos fan un exercicio de multiculturalismo ao aportar en cada recodo do camiño trazos da súa cultura orixinal, e recoller en cada etapa aspectos das culturas alleas. Grazas a iso, o que podía ser unha mera costume local, se transforma nun feito esencial para a conformación da identidade europea. Velaí a proba de que a cultura perenne sempre é a cultura aberta”.

Feijóo afirmou que Galicia é un pobo feito de vellos vínculos e capaz de establecer vínculos novos, onde se confirma a idea de que a cultura son relacións. “De aí –afirmou- que os Espazos Culturais se convertesen en catalizadores da enerxía cultural do noso tempo. De aí que sexa oportuno celebrar este primeiro Foro Internacional, e facelo ademais nunha cidade que foi e é unha das grandes capitais culturais do mundo”.

A Biblioteca de Alexandría, o Centro Niemeyer, o MOMA, a Casa Encendida, o Barbican Centre, o Smithsonian, o IRCAM, a Fundación Gulbenkian, o Centro de Cultura Contemporánea de Barcelona, a PBS, o Museo de Arte de Sao Paulo; todos eles configuran, segundo destacou Feijóo, “unha rede de peregrinos da cultura” unidos por idénticos principios: visitar, explorar, aprender, crear, intercambiar, sumar.

O presidente da Xunta recorreu ás palabras dun dos representantes máis coñecidos da cultura galega dos nosos días, para expresar unha idea que sempre inspirou a presenza dos galegos no seu tempo: “O gaiteiro e compositor Carlos Núñez di que temos que facer do mundo a nosa casa. Non se pode resumir mellor a fórmula para lograr que unha cultura como a nosa sexa partícipe da cultura universal. Non se pode resumir mellor a fórmula para lograr que a cultura universal sexa tamén un compendio das pequenas culturas que queren e saben sobrevivir”.

Feijóo afirmou que ese ideal é posible porque o garante a existencia de Espazos Culturais como os que, esta mañá, se deron cita neste foro internacional, celebrado en Santiago de Compostela.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar